A caridade é humilhante porque se exercita verticalmente, desde a cima; a solidariedade é horizontal e implica respeito mútuo.
— Eduardo Galeano

martes 26 xullo 2016

Celebramos acción simbólica de apoio aos povos da América Latina contra o imperialismo

Na tarde de onte, 25 de xullo, día da Patria Galega, a militancia de Mar de Lumes - Comité Galego de Solidariedade Internacionalista realizamos unha acción simbólica nas escaleiras da Alameda de Compostela na que contamos coa presenza destacada de compañeiras e compañeiros da Asociación de Amizade Galego Cubana Francisco Villamil e militancia diversa de organizacións soberanistas galegas que a só uns metros festexaban o noso día nacional no recinto do Festigal. 

Velaquí o manifesto desta acción e a imaxe coa que queremos, desde Galiza, enviar o noso apoio ás dignas causas do povos da América Latina que enfrentan a nova vaga de ataques imperialistas.

 


MANIFESTO FÓRA IMPERIALISMO DA AMÉRICA LATINA

Os últimos anos teñen sido marcados, na América Latina, por unha nova vaga de agresións imperialistas que teñen o seu precedente naquel infausto Plan Cóndor que nas décadas de 1970 e 1980 arrasou o continente suramericano, matou milleiros de persoas e fixo desaparecer centos de milleiros polas súas ideas políticas e por se organizaren para dar aos seus países gobernos de progreso. 

Despois daquilo, o cambio de século trouxo de novo ventos de autoorganización popular permitindo importantes vitorias que se sumaban á resistente Cuba, con gobernos progresistas e de esquerda que impulsaron diferentes programas de transformación social, redistribución da riqueza, expansión dos servizos públicos básicos e aumento do control sobre os recursos naturais. Políticas, todas elas, rexidas pola idea da soberanía dos pobos e por unha concepción antiimperialista e multipolar do mundo. A concreción da ALBA-TCP a partir de 2004 e as importantes vitorias á hora de reorientar, cando menos en parte, a CELAC, a OEA ou UNASUR — até entón dirixidas directa ou indirectamente desde os despachos da oligarquía estadounidense — colocaron o continente nun camiño de segunda independencia que o capital transnacional dos Estados Unidos e da Unión Europa non podía permitir. Non é casual que en México, cun goberno-monicreque, o asasinato sistemático de profesorado e alumnado fique impune mentres en Venezuela, calquera cousa é empregada para abrir un conflito político de carácter internacional contra a revolución bolivariana. 

Por iso, a guerra mediática contra Venezuela, o intento de asasinato de Zelaya, os golpes de estado institucionais contra os gobernos de Paraguai e Brasil, o hostigamento permanente contra Ecuador e Bolivia ou as agresións do FMI e o Banco Mundial contra o goberno da Arxentina, o control exaustivo sobre Perú, México, Colombia, Haití, Porto Rico, etc. non poden ser interpretados como pezas soltas, nen explicados unicamente por causas internas. Todas estas accións non son outra cousa que manobras ofensivas nunha guerra non convencional lanzada polo imperialismo para recuperar o control dun continente inmensamente rico que, despois de décadas, comezaba de novo a estar nas mans dos seus pobos.

Desde Galiza, un pobo tamén en loita contra a expatriación dos nosos recursos, contra as políticas de españolización que destrúen a nosa cultura, contra o colonialismo centralista que nos nos impide desenvolvernos, nos empobrece e nos expulsa do noso país, queremos expresar, mediante esta acción simbólica, o noso apoio ás dignas causas dos pobos da Nosa América, aos seus gobernos revolucionarios ou progresistas, e tamén ás organizacións de todo tipo que en Chiapas, en Oaxaca, na selva colombiana ou no territorio mapuche continúan loitando polos seus dereitos colectivos.

Vivan os pobos que loitan!
Fora imperialismo da América Latina!


Subscrebe a nosa axenda solidaria!

domingo 05 xuño 2016

Non ao golpe de Estado no Brasil!


O Brasil está a vivir un golpe de Estado con todas as letras. Pode que non saísen os tanques ás rúas nen se observe violencia política directa — como tristemente estamos afeitos a ver na maioría dos casos de golpes deste tipo — mais o certo é que un cambio así no modus operandi tampouco impide definir a situación como o que é: un golpe contra o goberno eleito e, especificamente, contra a presidente Dilma Rousseff, que vén de ser destituída e substituída por políticos corruptos (varios deles, condenados) ao servizo dos intereses do capitalismo internacional. 

Non só se trata, pois, dun golpe de Estado. Trátase dun ataque imperialista, que, cunha dinámica diferente á de Honduras, Paraguai, Arxentina ou a Venezuela, responde no fondo ao mesmo obxectivo: paralisar a segunda independencia dos pobos da América do sul, arruinar os avanzos  no proceso de integración latinoamericana e as orientacións antiimperialistas dos gobernos progresistas do subcontinente e converter a América Latina, de novo, no quintal traseiro dos Estados Unidos. 

De todo isto, e das dinámicas internas presentes no caso concreto do Brasil, cunha dereita ultraconservadora que reacciona con racismo, machismo e clasismo ao continuo empoderamento das camadas populares desde o goberno de Lula, falamos este 3 de xuño con Jakson Renner, activista de Brasilegos Contra o Golpe, na libraría de mulleres Lila de Lilith. 



Subscrebe a nosa axenda solidaria!

sábado 04 xuño 2016

Sempre coa Venezuela Bolivariana



Mar de Lumes, como organización internacionalista galega comprometida coa democracia e o goberno popular, asinou xunto con outras organizacións solidarias do noso país e tamén do Estado español, a seguinte

Declaración de apoio á Venezuela Bolivariana

As organizacións de solidariedade do Estado español, manifestamos o noso total respaldo ao pobo venezolano e ao seu lexítimo goberno, encabezado polo Presidente Nicolás Maduro, que resisten con exemplar tesón unha arremetida sen precedentes de agresións por parte da dereita internacional, empeñada en balde en acabar co proxecto emancipador legado por Hugo Chávez.

A manobra inxerencista do secretario xeral da Organización de Estados Americanos (OEA), Luis Almagro, ao servizo dos poderes imperiais, ao invocar a aplicación da "Carta Democrática" da OEA para Venezuela, puxo en clara evidencia a súa connivencia coa dereita reaccionaria e oligárquica transnacional, representada en Venezuela pola MUD, maioritaria na Asemblea Nacional, co único obxectivo de derrocar o goberno bolivariano.

Con todo, o feito de que a maioría dos países da rexión se opuxese á proposta de Almagro de cercar Venezuela apoiándose no parapeto da OEA, e apelar á vía do diálogo, pon en evidencia que a resistencia chavista en toda América Latina está máis viva ca nunca, e responderá sen dúbidas calquera novo intento de agresión, veña de onde viñer.

Non esquezamos que a OEA sempre exerceu o papel de "ministerio para Latinoamérica" dos distintos gobernos ianques, o "ministerio para o patio traseiro", e profundamente relacionado co "comando Sur" e todos os seus tentáculos (CIA, DEA, NED, etc).

Non esquezamos tampouco que Cuba foi expulsada desta organización en 1962 por orde expresa de EEUU aducindo que a illa abrazara o camiño do Socialismo.

Somos conscientes de que as corporacións oligopólicas que administra o neoliberalismo e os seus esbirros de quenda establecidos nos EEUU e na Europa, seguirán no seu irresponsábel e criminal empeño de xerar un crecemento da presión interna contra Venezuela (coa guerra económica, a mediática, a psicolóxica, a violencia paramilitar, etc.), e promover unha intervención pola forza no país.

Trátase de toda unha arquitectura inxerencista na rexión que a través de diversas modalidades, derrocou os gobernos de Paraguai e Honduras, e máis recentemente impuxo a dereita tamén no Brasil e na Arxentina, dispostos agora todas elas a acabar co chavismo. Non o conseguirán.

Facemos un chamamento a todo o movemento de solidariedade coa Venezuela Bolivariana a responder a esta nova agresión. Unidos na loita podemos torcer os plans do imperialismo.

CHÁVEZ VIVE, A LOITA CONTINÚA!

Asinan:

Alternativa Nacionalista Canaria
ANOVA-Irmandade Nacionalista
Anticapitalistad Galicia
Asemblae Republicana de Vigo
Asociación Canaria Siembra
Asociación Cultural Iberoamericana Andrés Bello
Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil.
Asociación Galego Bolivariana Hugo Chávez
Asociación Galego-Bolivariana Hugo Chávez
Assemblea Bolivariana de Catalunya
Batallón Chávez Somos Todos
Bloque Nacionalista Galego (BNG)
Central Unitaria de Traballadores (CUT)
Círculo Bolivariano de La Puebla
Circulo Bolivariano La Puebla
Colectivo Sociocultural Soledad Barret
Comando Hugo Chávez Frías en España
Comité Bolivariano de Terassa
Comité Canario de Solidaridad con los Pueblos
Comité de Solidaridad Internacionalista de Zaragoza
Confederación Intersindical Galega (CIG)v Euskadi Cuba
Frente Popular Galega (FPG)
FSOC (Federación de Sindicatos Obreros de Canarias)
Fundación Federico Engels
Iniciativa Solidaria Internacionalista de Burgos
Intersindical Canaria
Intersindical Valenciana
ISCA- Organización Xuvenil
IZCA (Izquierda Castallana)
Izquierda Unida-IU
Mar de Lumes - Comité Galego de Solidariedade Internacionalista
Movemento Galego ao Socialismo (MGS)
Mujeres Nómadas Canarias
Paraguay Resiste en Madrid
Partido Comunista de España-PCE
Partido Comunista de Galicia (PCG)
Partido Comunista del Pobo Galego (PCPG)
Plataforma Bolivariana de Canarias
Plataforma Bolivariana de Solidaridad con Venezuela de Madrid
Plataforma de Solidaridad con los Pueblos del Mediterráneo
Plataforma Sin Banderas
Terra Liberada
Tiwizi-Solidaridad-Colectivo Internacionalista
Unidad del Pueblo
Vía Democrática de Marruecos
Xuventude Comunista (XC)


Subscrebe a nosa axenda solidaria!

mércores 20 abril 2016

Coa Revolución, contra a Lei de Impunidade e a inxerencia estranxeira en Venezuela

O pasado 19 de abril, no marco da xornada mundial de solidariedade coa Revolución Bolivariana, Mar de Lumes - Comité Galego de Solidariedade Internacionalista, xunto con outras setenta organizacións sociais e políticas galegas e do resto do Estado español, asinamos o manifesto que reproducimos a continuación:


MANIFESTO POLA VENEZUELA BOLIVARIANA

Xornada mundial de solidariedade coa Revolución Bolivariana

Diante da escalada das agresións imperialistas contra o pobo venezolano e o seu lexítimo goberno, encabezado polo Presidente Nicolás Maduro, as organizacións e colectivos de solidariedade coa Revolución Bolivariana estamos na tarefa de articular esforzos para levarmos adiante accións que sirvan para combater tal arremetida. Neste sentido incorporámonos ao chamado do Foro de São Paulo para que o 19 de abril sexa unha xornada mundial de solidariedade con Venezuela.

Neste proceso de agresión enmárcase a renovación da Orde Executiva ditada polo Presidente dos Estados Unidos de Norteamérica, Barack Obama, que insiste en declarar Venezuela como unha ameaza inusual e extraordinaria á seguridade nacional e á política externa dos Estados Unidos. A axenda de desestabilización chamada "Operación Venezuela Freedom-2", asinada polo almirante Kurt Tidd, actual xefe do Comando Sur, datada en 25 de febreiro de 2016, deixa claro que non se contempla, na realidade, "saída eleitoral" ningunha contra o goberno de Nicolás Maduro. A saída, de concretarse, sería violenta.

No plano interior, esta axenda ten os seus axentes executores dentro da ultradereita golpista. Recentes asasinatos selectivos de dirixentes chavistas, intento de reactivación do terrorismo (guarimbas) que xa provocou o asasinato de dous policías e a recente aprobación, pola maioría opositora da Asemblea Nacional, da mal chamada "Lei de Amnistía" co apoio entusiasta, no Estado español, do Partido Popular, o PSOE e Cidadáns, así como de numerosas figuras políticas. Esta "Lei da Impunidade", que xa foi declarada inconstitucional polo Tribunal Supremo de Xustiza de Venezuela, busca perdoar até 50 tipos de delitos cometidos "desde o 1 de xaneiro de 1999 e até a entrada en vigor da Lei", é dicir, nos períodos de goberno de Hugo Chávez e de Nicolás Maduro, e sempre que se tivesen "cometido pola participación en manifestacións ou protestas" dirixidas "a mudar a orde institucional ou o goberno estabelecido". As accións violentas cometidas a día de hoxe pola oposición, destinadas a derrocar o goberno, ficarían impunes. Mesmo delitos como o "tráfico de drogas de menor contía" ou "fraude, estafa e usura na construción de vivendas" están incluídas na lista.

Chamamos á denuncia internacional desta Lei da Impunidade, e esiximos que cese a inxerencia do goberno español contra Venezuela e a súa conivencia coa dereita golpista.

A guerra económica, mediática e política que sofre Venezuela non é illada. É parte do intento de restauración neoliberal que vive toda América Latina, con Brasil como outro dos escenarios de intervención.


Suscreben:

1. Assemblea Bolivariana de Catalunya
2. Asociación Galego-Bolivariana Hugo Chávez
3. Círculo Bolivariano La Puebla
4. Comité de Solidaridad Internacionalista de Zaragoza
5. Iniciativa Solidaria Internacionalista- Burgos
6. Plataforma Bolivariana de Canarias
7. Plataforma Bolivariana de Madrid
8. Venezuela Aurrera: Plataforma Vasca de Solidaridad con la Revolución Bolivariana, compuesta por 28 colectivos: Alternatiba, Aralar, Arbol Euskal Herria, Askapena, Asodemuc, Bachue (Kolonbiako Errefuxiatuak Euskal Herrian), Cine de Base, Círculo Bolivariano “La Puebla”, Ernai, Euskadi-Cuba, Ezker Anitza-Izquierda Unida, Gazte Komunistak, Gazte Komunisten Batasuna (GKB), Giltza, Ikasle Abertzaleak, Ikasle Ekintza, Inti Kokone, IPES-GITE, LAB, Komite Internazionalistak, Marcha Patriótica Euskal Herrian (Colombia), Bakea eta Duintasuna, PCE-EPK, Resumen Latinoamericano, Revista “Encuentros”, Sodepaz Nafarroa, Sortu, Emigrados sin Fronteras.
9. Plataforma Canaria de Solidaridad con los Pueblos
10. Alternativa Nacionalista Canaria
11. Anova-irmandade Nacionalista
12. Asemblea Republicana
13. Asociación Cultural Guiniguada Comunicación-Radio Guiniguada
14. Asociación de Amizade Galego-cubana Francisco Villamil
15. Ateneo de Madrid
16. Ateneo Popular de Solidaridad entre los Pueblos
17. Bloque Nacionalista Galego (BNG)
18. Central Unitaria de Traballadores (CUT)
19. Colectivo Canario Siembra de Solidaridad con Guatemala
20. Colectivo 26 de Julio
21. Comité Canario de Solidaridad con los Pueblos
22. Confederación Intersindical Galega (CIG)
23. Coordinadora Estatal de Solidaridad con Cuba-Madrid
24. Esquerda Unida (EU)
25. Federación Sindical Obrera de Canarias (FSOC)
26. Frente Popular Galega (FGG)
27. Intersindical Canaria
28. Intersindical-Sindicato ferroviario
29. Isca!-Organización Xuvenil
30. Izquierda Castellana
31. Izquierda Republicana
32. Izquierda Unida
33. Mar de Lumes
34. Movemento Galego ao Socialismo (MGS)
35. Paraguay Resiste Madrid
36. Partido Comunista de Galicia (PCG)
37. Partido Comunista do Pobo Galego (PCPG)
38. Partido Comunista de los Pueblos de España
39. Plataforma de Solidaridad del Mediterráneo
40. Terra Liberada
41. Tiwizi
42. Unidad del Pueblo
43. Vía Democrática-Marruecos
44. Xuventude Comunista de Galicia

Subscrebe a nosa axenda solidaria!

mércores 06 abril 2016

Andrés Bódalo e a incómoda realidade andaluza

Andrés Bódalo, sindicalista do Sindicato Andaluz de Trabajadores (SAT), leva xa varios días en prisión. As acusacións que o levaron ao cárcere, como xa se tratou en varios artigos de opinión e noticias, non se sosteñen, desde as declaracións dos gardas civís presentes aquel día 27 de setembro de 2012 en Jódar nas que negan que houbese violencia física de calquera tipo, até un vídeo amplamente difundido no que se pode facilmente comprobar como Bódalo, lonxe de agredir a ninguén, o que fai é tranquilizar os ánimos das persoas que asisten á protesta. É fácil deducir que Andrés Bódalo estaba previamente condenado, pero non só iso, senón que indo un paso máis aló, podemos afirmar que houbo unha clara intención, previa ao xuízo, de encerrar a Bódalo.

Os motivos, segundo apuntan diversos artigos publicados ultimamente nos que se analiza o caso de Andrés Bódalo, van desde impor dunha vez por todas un escarmento ao SAT, até motivos que teñen que ver coa actividade política de Bódalo: concelleiro pola candidatura Xaén en Común, e o seu encabezado da candidatura de Podemos ao Congreso dos Deputados por Xaén nas pasadas eleccións do 20 de decembro. O Estado non pode consentir que o SAT veña a perturbar coas súas protestas e accións simbólicas de grande difusión mediática a orde imposta polo seu partido en Andalucía -o PSOE- e contribúa a concienciar sobre a situación de marxinación, dependencia e subdesenvolvemento de Andalucía, concretamente entre quen máis sofre esa realidade de miseria e opresión: a clase obreira. Doutra banda, dá a sensación de que Bódalo é nestes momentos un refén que pode ser utilizado polo Estado contra Podemos, incidindo nas súas xa notorias contradicións internas e no escenario político xerado tras as eleccións xerais do pasado 20 de decembro en xeral.

Estando estas cuestións, tanto sociais como políticas, sobre a mesa, e sendo estas de suma importancia, non podemos deixar de lado outras reflexións que subxacen, como o tratamento dado polos grandes medios de comunicación ao caso de Bódalo. Non se trata soamente dunha brutal campaña de criminalización, ligada a todos os casos de represión política e social do Estado, vai máis aló diso e ten que ver con que Andrés Bódalo e a súa loita sindical e política representan unha realidade incómoda para o Estado español. Unha incomodidade, que unida á criminalización da protesta, incita ao desprezo, a burla e ao morbo, descontextualizando e, sobre todo, despolitizando o caso concreto.

A verdade pouco importa e coñecela menos aínda para un nacionalismo de Estado que é incapaz de analizar e comprender o que pasa en Andalucía e por qué, e que é incapaz de comprender persoas como Andrés Bódalo ou organizacións sindicais como o SAT. E non, non se trata soamente dun nacionalismo español rancio e de dereitas, non, trátase tamén dese nacionalismo español que por máis que tenta ser progresista non sabe ou non pode ou non quere escapar dos clichés impostos historicamente pola grande oligarquía española. O nacionalismo español iguala a aspirantes a progresistas e a reaccionarios confesos na súa visión de Andalucía e do pobo traballador andaluz.

España, ou mellor dito, a grande oligarquía española culpa ao pobo traballador andaluz dos problemas históricos que ela mesma provocou en Andalucía. Ao Estado español incomódao a realidade andaluza — unha realidade que el mesmo provocou de paro, miseria e marxinación — pero cando o pobo traballador protesta e reivindica os seus dereitos e se pon en marcha para solucionar politicamente eses problemas, molesta e incomoda, igual que molesta tamén cando cala e aguanta estoicamente. Dicía nos seus versos Antonio Machado aquilo de «Castilla miserable, ayer dominadora, envuelta en sus andrajos desprecia cuanto ignora»; precisando que a primeira vítima do nacionalismo español foi e é Castela e o seu pobo, se substituímos Castela por España, ou pola oligarquía española cosmopaleta - si, dixen ben, cosmopaleta - a do Ibex 35, e se tamén substituímos o deprezo pola represión e o encarceramento, todo o asunto de Andrés Bódalo e o tratamento mediático do seu caso adquire máis sentido. España non só despreza senón que reprime e encarcera canto ignora.

O caso de Andrés Bódalo exemplifica todo o que estamos a falar, é un caso de manual. Os programas matinais de televisión compiten os uns cos outros en presentaren Andrés Bódalo e o SAT como unha cuadrilla de matóns sen escrúpulos, un froito non desexado e incorrixible desa Andalucía que eles mesmos crearon e recrearon. Mentres, a cadea televisiva supostamente progresista do nacionalismo español, La Sexta, mófase, búrlase e rise de Andrés Bódalo e do SAT, recorrendo ao chiste fácil, ao primeiro que ven e teñen a man, e fano non soamente porque non teñen argumentos ou sinxelamente non dan para máis, ou non só por ese repugnante clasismo meritocrático que fomenta o nacionalismo pequenoburgués español, senón porque é política de Estado, porque detrás do Gran Wyoming, de Dani Mateo e de todos os bufóns da Corte de Felipe VI hai uns guionistas que reciben ordes precisas de facer o que fan.

Todo isto hai que comprendelo dunha vez, porque non se trata de renunciar a facer declaracións ou a intervir diante de determinados medios ou programas televisivos, pero si de non se deixar utilizar por eles e de cortocircuitar de raíz todos os intentos de manipulación. Somos nós quen debemos utilizalos a eles, e non ao revés. A batalla é comunicativa, e estas cuestións deben ser tidas en conta: ou utilizamos os medios para difundir que se cometeu unha inxustiza grave por motivos sociais e políticos, ou pola contra estaremos a alimentar os argumentos, baseados en mentiras e en estereotipos, do inimigo. Non é fácil, pero ese é o problema a resolver.

Andrés Bódalo foi encarcerado e con el esa incomoda realidade andaluza, esa realidade que molesta tanto ao Estado español. Na realidade, nese cárcere de Xaén II entrou todo un pobo, e sempre por diante, a clase obreira, especialmente a xornaleira. A nosa liberdade, a de cada un e cada unha de nós está en xogo e está en cuestión cada minuto que Andrés Bódalo permaneza en prisión. Isto é unha batalla que forma parte dunha guerra global: a loita de clases, no marco dunha nación oprimida: Andalucía: isto é unha batalla pola nosa liberdade.

ANDRÉS BÓDALO, LIBERDADE!

Antonio Torres (Antón) é membro da Comisión Permanente Nacional do SAT


Subscrebe a nosa axenda solidaria!

martes 15 marzo 2016

Solidariedade antiimperialista coas persoas refuxiadas e migrantes



O Comité Galego de Solidariedade Internacionalista Mar de Lumes expresa a súa solidariedade coas persoas refuxiadas e migrantes, vítimas dos conflitos e expolios imperialistas causados pola OTAN, a Unión Europea e os seus aliados, principais actores do imperialismo en Oriente Medio e outras rexións do planeta, que provocan morte, destrución, miseria e padecementos a millóns de seres humanos, desde Siria a Ucraína, pasando por Iraq, Afganistán, Libia, Palestina, Sudán, Congo, Haití e unha interminábel lista de países sometidos ao saqueo do capital transnacional.

Apoiamos a súa exixencia de condicións humanas dignas e de respecto para os seus dereitos humanos. Desde unha posición antiimperialista e internacionalista denunciamos a política criminal e hipócrita da Unión Europea e dos seus gobernos que, por unha banda levan a guerra e a destrución ao norte de África e a Oriente Medio, causando directamente a traxedia do exilio e a migración de millóns de persoas, mentres pola outra choran bágoas de crocodilo e láianse dos meniños que morren afogados nas augas do Mediterráneo. A Unión Europea que predica a libre circulación das persoas, só ten en mente, en realidade, procurarlle ao Capital unha reserva de persoas desesperadas, sen dereitos, nin recursos, predispostas a aceptar a calquera prezo, calquera traballo; unha inmensa reserva de man de obra para premer á baixa os salarios e os dereitos sociais en todos os países, para aumentar os lucros da oligarquía financeira.

Esiximos, xa que logo, o cese inmediato de todas as intervencións imperialistas de Estados Unidos, da OTAN e da UE, a disolución da OTAN, e a devolución aos pobos dos recursos naturais para o seu desenvolvemento soberano e acorde cos intereses da poboación traballadora, para a reconstrución dos seus países e a prosperidade dos seus habitantes.

Esiximos que os recursos que se empregan para a guerra sexan usados para o benestar e a mellora das condicións de vida de migrantes e refuxiados, nos seus países de orixe, para evitar a traxedia do exilio e das rupturas de comunidades e familias.

Denunciamos o racismo, a xenofobia e o neofascismo como instrumentos do capital para dividir os pobos, opoñendo uns traballadores contra outros para maior beneficio das clases dominantes da Unión Europea, e chamamos a combatelos na súa matriz orixinaria: o capitalismo.

Esiximos a abolición do Espazo Schengen, da Frontex e de todas as medidas represivas da UE nas súas fronteiras.

Esiximos a creación de centros de recepción dotados de condicións dignas de persoal e infraestrutura para a atención médica, aloxamento, alimentación, seguridade e coidados psicolóxicos, e que garantan unha viaxe segura das persoas refuxiadas até os seus puntos de destino final.

Unha auténtica solidariedade coas persoas refuxiadas implica desenmascarar os hipócritas causantes dese drama. Os asasinos teñen nome: a OTAN e a UE.

Non ás guerras imperialistas!
Abaixo o réxime de Erdogan, lacaio da OTAN!
Alto á política hipócrita da UE!

Subscrebe a nosa axenda solidaria!

mércores 09 marzo 2016

#ObamaDerrogaODecretoXa

Hoxe, 9 de marzo de 2016, cando se cumpre un ano da Orde Executiva 13692 do Goberno do Presidente Barack Obama que considera a Venezuela como “unha ameaza inusual e extraordinaria” contra a seguridade nacional e política de Estados Unidos e, á vez, a decisión de prorrogar a mesma por un ano máis, alegando que é “necesario continuar a urxencia nacional” con respecto á situación en Venezuela porque “non mellorou” e esgrimen supostas violacións de dereitos humanos, queremos manifestar o seguinte: 

  1. Reiterar, de novo, o noso contundente rexeitamento á acción injerencista do Decreto Executivo 13692 dictada polo presidente Barack Obama dos Estados Unidos, tal e como o fixemos públicamente o pasado ano, sumándonos á campaña mundial #ObamaDerrogaODecretoXa. 
  2. Esta acción é unha flagrante violación dos principios do Dereito Internacional e unha grave injerencia en asuntos internos de cada país, xa que atenta contra o respecto e a igualdade entre nacións soberanas. Respondendo isto así, a unha resolución de orde unilateral e de imposición ao que segue estando afeito o Imperio, o cal -con apoio da dereita fascista internacional- pretende doblegar os avances dos gobernos progresistas e revolucionarios. 
  3. Rexeitamos o descoñecemento de EE.UU. ao clamor de millóns de voces e firmas que se recolectaron -máis de 13 millóns- a nivel mundial para rexeitar e esixir a derrogación inmediata deste flagrante e arbitrario Decreto por canto constitúe unha grave agresión á soberanía e integridad de Venezuela que é un país libre, soberano e independente. 
  4. Esiximos a derrogación inmediata e definitiva deste Decreto que busca desestabilizar e destruír o Goberno do Presidente Nicolás Maduro, a Revolución Bolivariana e dar cabida a escenarios violentos que poidan xustificar unha intervención estranxeira sobre esta nación suramericana. Finalmente, reiteramos o noso apoio e solidariedade ao Goberno Bolivariano do Presidente Nicolás Maduro e ao pobo venezolano, estaremos atentos e en pé de loita na defensa da Revolución Bolivariana. 
POLA PATRIA DIGNA DE BOLÍVAR E CHÁVEZ!
VENEZUELA NON ESTÁ SOA!
VENEZUELA RESPÉCTASE!


#ObamaDerogaElDecretoYa
#ObamaDerogaElDecretoYa
Publicado por Videoteca del ContraGolpe em Sábado, 28 de Março de 2015

Subscrebe a nosa axenda solidaria!

xoves 25 febreiro 2016

Palestina. Unha ollada ao conflito.

Onte, 24 de febreiro, o Comité de Mar de Lumes do Morrazo convidou Fayez Badawi a unha nova palestra sobre a situación da Palestina e, en xeral, do Oriente Próximo, nun acto baixo o título «Palestina. Unha ollada ao conflito». 

O compañeiro Fayez, representante na Europa da Frente Popular para a Liberación da Palestina (FPLP) explicou de novo a orixe do conflito en 1947, coa decisión das Nacións Unidas de criar da nada un «estado xudeu» en territorio árabe e repasou a longa lista de crimes e barbarie que desde aquel momento ten impulsado o racismo sionista, obrigando millóns e palestinianos e palestinianas a fuxiren a campos de refuxiados na Siria e no Líbano.

Subscrebe a nosa axenda solidaria!

xoves 28 xaneiro 2016

Máis unha vez: o internacionalismo non é delito!

Durante o día de onte, 27 de xaneiro, nove militantes internacionalistas foron detidos no Estado español por, alegadamente, faceren parte da estrutura militar do Partido dos Traballadores do Curdistán (PKK), que a Unión Europea e a propia España decidiron incluír nunha lista de «organizacións terroristas» en 2001, na secuencia da famosa e demostradamente perversa “guerra contra o terror”. Desde Mar de Lumes, como organización galega de solidariedade internacionalista — canda outras organizacións irmás de todo o mundo — vimos denunciando esta lista, os fundamentos ideolóxicos sobre os que asenta e as detencións e xuízos políticos que derivan da súa mesma existencia. Mais queremos, nesta ocasión, facer algunha breve reflexión ao caso.

Primeiro: mesmo asumindo o disparate de considerar o PKK unha organización terrorista, as persoas detidas nesta operación están acusadas formalmente de se integraren nas YPG, as milicias curdas que están a loitar contra o Daesh na Rojava, isto é, en territorio estatal sirio. É a campaña mediática que sempre vén parella a este tipo de accións represivas a que está a confundir deliberadamente o PKK coas YPG. De modo que España, a través do seu tribunal político non só está a criminalizar a solidariedade internacionalista coas organizacións que de facto están a conseguir importantes avanzos militares — por certo, recoñecidos por Rusia, os Estados Unidos e a propia UE — contra o autoproclamado Estado Islámico, unha das peores ameazas para a paz e a vida no Oriente Medio. Ademais, teima en seguir unha doutrina xudicial simplista e ridícula que se basea en considerar que todo o que teña a ver co Curdistán ten a ver consecuentemente co PKK. Esta “teoría da contorna”, que España xa aplicou sen reparos en Euskal Herria e en Galiza para ilegalizar organizacións incómodas para os seus intereses de Estado, e que foi denunciada por innúmeras organizacións internacionais de dereitos humanos, gaña agora unha nova e perigosa dimensión internacional.

En segundo lugar: España está a colocarse, na práctica, na mesma trincheira que Turquía, un dos principais promotores da doutrina da contorna aplicada ao caso curdo, mais tamén un dos aparatos estatais que non dubidou en amañar as últimas eleccións, e tamén as anteriores (segundo fixo pública a OSCE, entre outras) para impedir a entrada do pró-curdo Partido Democrático dos Povos (HDP) no parlamento turco, que tenta ilegalizar esta nova ferramenta electoral, e que está, segundo todos os indicios, por tras de accións de terrorismo de Estado como o atentado á bomba contra a manifestación pola vida de Ancara en outubro pasado, con case un centenar de vítimas mortais e mais de 240 persoas feridas. A elección española dos seus aliados non é unha cuestión menor, especialmente se se considera que entre eses aliados figuran tamén reximes como o de Arabia Saudita, os Emiratos Árabes Unidos, Catar, e outros financiadores demostrados do propio Daesh.

Por último, a detención destes nove militantes e a acusación de integraren un pretendido aparato militar (dentro do Estado español, enténdese) do PKK ten outra lectura en clave estatal. Revela, de feito, a fraca saúde das liberdades civís no conxunto do Estado español, en particular a liberdade de pensamento e a liberdade de asociación. España, que decidiu servirse da ilegalización de formacións políticas para tentar paralisar o independentismo en Eukal Herria ou en Galiza, confirma con esta última acción represiva que non está disposta a cambiar de métodos, e que a criminalización da disidencia democrática, da mobilización social ou da práctica do internacionalismo vai continuar a ser o seu modus operandi habitual.

Por todo isto, desde Mar de Lumes - Comité Galego de Solidariedade Internacionalista só podemos expresar o noso rexeitamento a estes métodos represivos e criminalizadores, e, de novo, facer explícita a nosa solidariedade co povo curdo e coa súa loita contra a desaparición.

Subscrebe a nosa axenda solidaria!