A caridade é humilhante porque se exercita verticalmente, desde a cima; a solidariedade é horizontal e implica respeito mútuo.
— Eduardo Galeano

venres, 19 de xullo de 2013

A resistencia do povo curdo

Onte, o Centro Social A Revira e Mar de Lumes — Comité Galego de Solidariedade Internacionalista organizamos unha palestra sobre a situación do Curdistán, un povo que, após o fin do imperio otomano, ficou dividido en catro Estados, nos que é perseguido sistematicamente polos novos poderes e obrigado a renunciar ao seu dereito á soberanía e a se integrar no ámbito das pretendidas «realidades nacionais» nacidas con eses Estados.

O povo curdo, porén, xamais se deixou asimilar e hoxe protagoniza unha das máis intensas loitas pola supervivencia colectiva, reclamando a súa cultura propia, a súa lingua e o seu territorio, un dos mais ricos e fermosos daquela área xeográfica — e por iso mesmo un dos mais cobizados polas oligarquías financeiras que sosteñen o imperialismo.

Na palestra, con Pepa Baamonde, soubemos das interesantísimas similitudes entre o Curdistán e a Galiza, e até puidemos comprobar como o poeta curdo Ehmedê Xanî e a galega Rosalía de Castro tiveron en común tanto o seu sentimento de pertenza a un pobo asoballado como a necesidade de dignificalo e proxectalo alén das marxes do dominio otomano e español, respectivamente. Comprobamos así que, malia as diferenzas evidentes no modo como esa dominación se exerce por parte de España e por parte dos diferentes Estados en que se encontra dividido o Curdistán, as mecánicas de asimilación e presión son idénticas e responden a intereses moi similares.

Tamén tivemos a oportunidade de coñecer a realidade actual do Curdistán grazas a Ridvan, un curdo da parte turca que leva mais de dez anos na Galiza e que acaba de regresar dunha viaxe ao Curdistán iraquiano.

Con el aprendemos os motivos económicos que hai por tras da histórica negativa da Turquía, o Irán, o Iraque e a Siria a recoñecer os dereitos nacionais curdos, e cómo hoxe, a parte iraquiana do Curdistán está xa no camiño pola independencia definitiva, malia as presións doutros estados, notadamente Turquía. E vimos tamén algunhas das consecuencias concretas da ocupación, como o feito de que, na parte turca, as crianzas pasen os dous primeiros anos da súa vida académica unicamente aprendendo a lingua turca, en lugar de estudaren en curdo.

En definitivo, unha palestra que serviu para trazar un panorama das situación curda e para afortalar aínda mais a certeza de que a solidariedade entre iguais, entre o Curdistán e a Galiza neste caso, como povos oprimidos á procura da súa soberanía, é unha poderosa arma política.

Mais información? Olla o noso especial sobre o Curdistán.