A caridade é humilhante porque se exercita verticalmente, desde a cima; a solidariedade é horizontal e implica respeito mútuo.
— Eduardo Galeano

venres, 9 de agosto de 2013

USA pide investigar a morte de Oswaldo Payá

O xornal español El Mundo vén de pór en marcha mais unha campaña contra Cuba por medio dunha entrevista co coñecido delincuente e dirixente do Partido Popular Ángel Carromero. Polo seu interese e polos seus argumentos, que evidentemente subscribimos, difundimos o comunicado da Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil, facendo extensiva, mais unha vez, a nosa solidariedade co povo de Cuba e co seu proceso revolucionario. Eis o comunicado: 

UNHA CONGRESISTA AMIGA DO TERRORISTA ORLANDO  BOSCH PIDE INVESTIGAR A MORTE DE OSWALDO PAYÁ


O 5 de agosto, nas páxinas de El Mundo, Ángel Carromero, dirixente do PP de Madrid, acusa os servizos secretos cubanos da morte dos opositores Oswaldo Payá e Harold Cepero. Carromero, condenado en Cuba a 4 anos de prisión por “homicidio imprudente” no accidente no que morreron ditos opositores, afirma agora que ese accidente foi causado por “un vehículo azul que nos embestiu.”

El Mundo informara en 2012 da retirada do carné a Carromero despois de acumular 42 multas en tres anos. Está claro, pois, que é un condutor perigoso. Ademais, en anteriores declaracións ao Washington Post, Carromero afirmara que o vehículo agresor era “vermello”, non “azul”. Finalmente, no coche, ademais dos falecidos, viaxaban o sueco Aron Modig e o propio Carromero. Os dous, testemuñas do suposto ataque, son repatriados con rapidez aos seus países, algo inverosímil cando se pretende ocultar un delito.

O 7 de agosto, El Mundo publica que a congresista cubanoamericana Ileana Ros-Lehtinen “pide investigar a morte de Oswaldo Payá”. O xornal afirma que Ileana, “nacida na Habana e veterana do Partido Republicano, organizou varios encontros con José M. Aznar”. Pero, ¿que outras amizades ten Ileana Ros?



Na imaxe, a congresista con Orlando Bosch. Na parte superior, unha dedicatoria manuscrita: “Orlando, con mucho cariño. Ileana Ros-Lehtinen.”

Quen é Orlando Bosch? 

O xornal barcelonés La Vanguardia publica o 6 de outubro de 2006 esta noticia. “Cúmprense 30 anos do atentado contra un avión cubano no que morreron 73 persoas. O Departamento de Xustiza de EE UU decidía onte o futuro do terrorista cubano Posada Carriles, exaxente da CIA, un dos presuntos autores. O home que admite ser o planificador do atentado, o cubano exiliado Orlando Bosch, vive en liberdade en EE UU, tras recibir permiso para residir directamente do presidente George Bush pai. Lonxe de arrepentirse, Bosch insiste en que o avión (no que viaxaba o equipo de esgrima cubano e un grupo de estudantes de Güiana) era "un branco de guerra" e que os pasaxeiros eran cómplices de Castro. En Miami, Posada e Bosch son heroes.”

Apoia Ileana Ros-Lehtinen a Luis Posada Carriles?

En www.cubadebate.cu, pódese ver en vídeo unha homenaxe a Posada en Miami. No minuto 7, o presentador afirma que Ileana Ros é presidenta honoraria dun comité de apoio económico ao terrorista.


O 8 de agosto, El Mundo publica que “EE UU esixe que se investigue o caso Payá”. En EE UU, vive en liberdade Posada Carriles. A súa detención foi solicitada por varios lexisladores demócratas (La Vanguardia, 10.05.07), que o consideran “un dos asasinos máis notorios do hemisferio occidental”. A súa extradición a Venezuela foi reclamada polo Cumio Iberoamericano de Xefes de Estado celebrado en Salamanca en 2005. 

Para a súa inverosímil campaña contra Cuba, Carromero e El Mundo contan con grandes axudas: Ileana Ros-Lehtinen e o goberno de EE UU; ambos os dous, como pode comprobarse, destacados defensores dos dereitos humanos. 

ASOCIACIÓN DE AMIZADE GALEGO-CUBANA FRANCISCO VILLAMIL