A caridade é humilhante porque se exercita verticalmente, desde a cima; a solidariedade é horizontal e implica respeito mútuo.
— Eduardo Galeano

venres, 13 de setembro de 2013

Liberdade para os cinco patriotas cubanos

Antonio Guerrero Rodríguez, Fernando González Llort, Gerardo Hernández Nordelo e Ramón Labaniño Salazar son catro cidadáns cubanos que levan presos nos Estados Unidos desde 2001. Un quinto, René González Sehwerert, agora en Cuba, foi recentemente liberado nunha conmuta técnica que, porén, o levou a declarar sentirse aínda preso, mentres os seus compañeiros continúen retidos en cárceres norteamericanos.

Os cinco, Antonio, Fernando, Gerardo, Ramón e René, foron acusados de espionaxe polos Estados Unidos e condenados a penas que van dos 15 anos de prisión a dúas cadeas perpetuas, nun xuízo político que organizacións como Amnistía Internacional teñen criticado por diversos problemas de procedemento.

Na realidade, os cinco membros do servizo de intelixencia cubano estaban nos Estados Unidos infiltrados en grupúsculos anti-cubanos similares aos que tiñan organizado os ataques terroristas contra hoteis na Habana e contra un avión de pasaxeiros de Cubana de Aviación, en 1976, co resultado 73 vítimas mortais. O seu obxectivo era desvendar novos planos de ataques contra a illa e pór en coñecemento das autoridades norteamericanas a información destes grupos, á cabeza dos cales se encontra aínda hoxe Luis Posada Carriles, autor confeso do atentado ao avión, e que continúa libre.

Os Estados Unidos, coñecedores da información partillada pola Dirección de Intelixencia cubana non só non actuaron contra os grupos revelados polos cinco funcionarios cubanos, senón que centraron os seus esforzos en localizar a orixe da información e orquestrar un xuízo farsa co obxectivo de encarcerar os cinco funcionarios cubanos.

Desde aquel xuízo, gobernos, institucións e organizacións internacionais e millóns de persoas por todo o mundo organizan cada ano por estas datas concentracións e mobilizacións contra a decisión de manter encarcerados os cinco heroes cubanos, mentres terroristas confesos receben homenaxes públicas de parte de organizacións privadas e administracións públicas norteamericanas.

Na recepción no concello de Pontevedra, o Cónsul de Cuba,
o alcalde da cidade e membros da Francisco Villamil e
de Mar de Lumes
Con este mesmo motivo, a Asociación de Amizade Galego Cubana Francisco Villamil promoveu unha recepción do Consulado de Cuba co Alcaldía de Pontevedra e organiza mañá sábado 14 de setembro unha concentración pública na praza da Peregrina desa cidade, que contará coa presenza do cónsul de Cuba en Galiza, José Antonio Solana, para exixir, xunto con outros pobos do mundo, a liberación dos catro funcionarios cubanos que aínda continúan presos, e a abertura, por parte dos Estados Unidos, de investigacións que leven á detención de Luis Posada Carriles e dos seus colaboradores.

Mar de Lumes — Comité Galego de Solidariedade Internacionalista, como organización colaboradora, fai extensivo o chamamento a participar nesta concentración, co convencemento de que só a presión popular pode revelar a crueldade e o dobre raseiro do goberno norteamericano e do seu interese por desestabilizar o goberno lexítimo de Cuba, por calquera medio que for.

Liberdade para os Cinco patriotas cubanos!
14 de setembro, 12h00
Praza da Peregrina, Pontevedra