A caridade é humilhante porque se exercita verticalmente, desde a cima; a solidariedade é horizontal e implica respeito mútuo.
— Eduardo Galeano

venres, 6 de setembro de 2013

Unha semana de concentracións frente o ataque imperialista contra Siria

Ao longo desta semana, un conxunto de organizacións galegas unidas nas súas posicións antiimperialistas e de defensa da soberanía dos pobos, entre elas Mar de Lumes, convocamos concentracións nas cidades de Compostela, a Coruña, Ferrol, Lugo, Pontevedra, Ourense, Vigo e a vila de Foz, denunciando a política militarista e criminal que no conflito sirio teñen levado a cabo os Estados Unidos, a Franza e a Gran Bretaña e tamén os seus aliados na rexión, notadamente Israel, Arabia Saudita e Catar.

Na suma de todas elas, perto de mil galegas e galegos amosaron na rúa o seu rexeitamento a esta nova agresión contra un estado soberano. A diferenza do conflito libio, onde a resposta foi morna e cativa, nesta ocasión a suma de vontades das diferentes organizacións en cada localidade fixeron posíbel que esta primeira resposta frutifique nos vindeiros días en acordos mais amplos para unha resposta mais contundente de seguir a escalada bélica.

Imaxe da concentración en Compostela
Non contentos con armar e apoiar no plano loxístico unha oposición artificialmente inflada e mobilizada, eses gobernos anuncian agora o seu desexo de invadir o país coa escusa ridícula de levar e implantar a democracia e a paz. Guerra para impor a paz: iso é o que nos queren vender.

Imaxe da concorrida concentración de Vigo
Frente ás súas mentiras, as organizacións convocantes destes actos de repulsa, así como a cidadanía que se congregou nos actos xa celebrados e nos que en vindeiros días se han producir, evidenciamos que o mundo non é tan unipolar como queren facernos crer e que na Galiza hai cidadanía crítica quen de protestar publicamente e exixir que as agresións imperialistas terminen dunha vez, que o capitalismo armado abandone a súa política de patio traseiro e que sexa respeitada, como principio básico das relacións internacionais, a soberanía política de cada povo.

De Mar de Lumes, o pasado mes de maio, xa denunciamos nun acto simbólico em Compostela a inxerencia estranxeira e a hipocrisia de denominar guerra civil, a secas, ao conflito sirio.

Eis o manifesto lido nas cidades galegas.

Imperialismo fóra da Siria!

Pola paz e a soberanía dos pobos.

A barbarie vén de ser anunciada por medio de novas ameazas de guerra. Resoan de novo os tambores, mais os Estados Unidos, Franza e Gran Bretaña xa levan moito tempo intervindo militarmente en Siria, por medio da entrega de armamento, apoio loxístico, adestramento e envío de milicias armadas desde o exterior. Este conflito, que desde hai dos anos é presentado nos medios de comunicación como un enfrontamento civil, é unha guerra encoberta creada, financiada e dirixida en todo o momento desde o exterior.

Imaxe da faixa despregada en Ourense

Non é mais que unha operación desas potencias polo control dunha zona -e dos seus recursos- e que tivo os seus episodios anteriores nas guerras de Iraq, Afganistán ou Libia. Primeiro arman e promoven os ataques terroristas contra o pobo sirio, e despois utilizan a situación creada como escusa para invadir o país. Agora mesmo, ante a constatación dos avances do goberno sirio, os Estados Unidos e os seus aliados veñen de propor a intervención militar directa, o que terá consecuencias dramáticas para a poboación e para a paz internacional.

A propaganda de guerra recorrerá a todas as escusas necesarias para xustificar un salto cualitativo na súa ofensiva militar, que non ten máis obxetivo que defender os intereses estratéxicos das potencias imperialistas. Repiten o procedemento aplicado en moitos outros países, afirmando que é necesario bombardear á poboación civil para defendela. Os resultados deste imperialismo revestido de humanitarismo están á vista en todos os países nos que se aplicou: millóns de mortos e desprazados, aumento xeneralizado da violencia, a pobreza e a corrupción, reforzamento das posturas máis sectarias e regresivas, e entrega dos recursos ao servizo de intereses foráneos, por medio de oligarquías mafiosas involucradas en tráfico de armas, drogas e persoas.

Non podemos agardar algo diferente para a Siria. Cando falen de armamento ilegal, teremos que lembrar que son os mesmos que ían destruir as armas de destrución masiva en Iraq, o que se demostrou como unha mentira deliberdada. Cando falen de axudar a poboación, teremos que sinalar que o mesmo pretendían en Libia, cando bombardearon o país para dar a volta ao conflito e chegar hoxe a se apoderar do seu petróleo. Cando falen de democratización, pensemos no goberno titere imposto en Afganistán pola OTAN e na ocupación militar que aínda padece. Cando argumenten a necesidade de responder ante a utilización de armamento prohibido, podemos repasar o historial dos que se proclaman xendarmes mundiais: os únicos que se atreveron a utilizar armamento atómico dúas veces, os que devastaron o Vietnam con axente naranxa, os que empregaron armas de uranio empobrecido contra a Xugoslavia, os que si utilizaron armamento químico en masa na toma de Fallujah no Iraque. Só o máximo cinismo permite ás potencias imperialistas apresentarse agora indignadas ante un ataque sem demostrar, que só beneficia ao chamado bando "rebelde" -con indicios de que foi este o que empregou as armas químicas- e no momento no que os inspectores da ONU aínda examinan os feitos.

Panorámica da concentración de Compostela
En realidade, os obxetivos dos Estados Unidos e os seus aliados son outros, e inscríbense nunha estratexia de guerra interminábel que non ten ningunha relación coas lexítimas aspiracións de liberdade, independencia e xustiza dos pobos da rexión. A historia demostra que as potencias imperialistas non promoven intervencións militares inocentes nin humanitarias, senón operacións de saqueo e dominio, agravadas na actual etapa de crise estrutural do capitalismo. Controlar militarmente o país e apoderarse dos seus recursos é un vello obxetivo dos planos estadounidenses, que pretenden reforzar o seu dominio na rexión, preparando e anunciando xa os vindeiros ataques contra o Líbano ou Irán, e prolongando a súa alianza cos réximes máis reaccionarios e inxustos, os da Arabia Saudí e Catar, así como co terrorismo de Estado israelí que mantén a ocupación e o apartheid da Palestina.

A agresión en curso contra Siria tería gravísimas consecuencias para unha rexión xa torturada, empobrecida e agredida, e constituiría unha nova violación do Dereito Internacional en virtude da lei do maís forte. É urxente que todos os pobos do mundo actuemos en contra do imperialismo, en defensa da paz, a liberdade e o soberanía dos pobos.

As organizacións presentes denunciamos, desde Galiza, a complicidade do goberno español nestes novos planos agresivos e esiximos que se respete o dereito de cada país a resolver os seus problemas internos desde a negociación e o diálogo, a partir do respeito da independencia e soberanía do pobo sirio, e contando tamén cos dereitos do esquecido pobo curdo. Comprometémonos a continuar a mobilización e resistencia frente a guerra e o imperialismo.

Na Galiza, agosto de 2013

***

Podes ver aquí imaxes das concentracións na Galiza.

Podes ver aquí imaxes de mobilizacións no mundo .