A caridade é humilhante porque se exercita verticalmente, desde a cima; a solidariedade é horizontal e implica respeito mútuo.
— Eduardo Galeano

martes, 1 de outubro de 2013

Apresentada en Compostela Cubainformacion.tv

Na tarde de onte, 30 de setembro, foi apresentado en Compostela o portal informativo Cubainformación.tv nun acto celebrado na Facultade de Xornalismo da Universidade de Santiago de Compostela, organizado pola Liga Estudantil Galega e por Mar de Lumes — Comité Galego de Solidariedade Internacionalista.

A apresentación foi realizada por Luisa Cuevas, correspondente e colaboradora do medio e militante internacionalista, que explicou con varios exemplos a política comunicativa do mundo capitalista a respeito de Cuba, baseada na magnificación dos problemas e no silencio absoluto a respeito dos avanzos da Revolución, así como a práctica de utilizar sempre fontes antigobernamentais.

A trintena de asistentes, entre os que tamén se encontraba o cónsul xeral de Cuba, José Antonio Solana, puideron coñecer de primeira man a orixe do proxecto, a súa filosofía comunicativa e a función social que cumpre unha web que, na actualidade, serve como un dos principais pólos aglutinadores da diáspora cubana.

Ademais, Luisa Cuevas explicou a importancia dos medios de comunicación no caso cubano, debido ao bloqueo mediático tamén imposto polos Estados Unidos e os seus aliados e á presenza doutros medios publicados por opositores e financiados por multitude de institucións e organizacións anticubanas, como o famoso Nuevo Herald.

Houbo tempo tamén para un breve coloquio onde as asistentes se interesaron pola situación dos medios de comunicación en Cuba e sobre as acusacións de dogmatismo vertidas contra o goberno popular, o que permitiu departir brevemente sobre a existencia dunha nutrida rede de blogueiros cubanos que vai moito alén da publicitada Yoani Sánchez, tamén financiada polos Estados Unidos e outros lobbies anticubanos.