A caridade é humilhante porque se exercita verticalmente, desde a cima; a solidariedade é horizontal e implica respeito mútuo.
— Eduardo Galeano

mércores, 11 de decembro de 2013

Curdistán: un pobo, varios conflitos

Hoxe, 11 de decembro, convidados pola Liga Estudantil Galega da Faculdade de Filoloxía, celebramos unha palestra-coloquio con Séchu Sende, autor de Viagem ao Curdistám para apanhar estrelas, e com o noso compañeiro Óscar Valadares, e coa presenza de varias persoas de orixe curda entre as asistentes que permitiron un coloquio posterior interesante e dinámico. 

Na palestra foi exposta a realidade política dos últimos anos do Curdistán, dividido entre cinco Estados (Turquía, Iraque, Irán, Siria e Armenia) e con estratexias de supervivencia diferentes. Falamos dos tratados imperialistas de Sykes-Picot e Sèvres, das repúblicas curdas temporarias do Ararat e de Mahabad, de como foron arrasadas por Turquía e Irán. Falamos tamén da fundación do PKK, do papel activo da muller na loita do pobo curdo pola súa soberanía, do veto sirio á concesión do estatus de cidadanía para a comunidade do Curdistán Occidental, e doutras cuestións políticas, nun repaso do último século. 

Mais tamén falamos da realidade social actual, da publicación de libros, das 7.000 crianzas encarceradas na Turquía por chamaren pola sua mai en curdo, de como a bandeira turca tapa as xanelas dos infantarios ou da prohibición da palabra Curdistán, o país negado que hoxe funciona de facto como Estado no Iraque após a invasión dos Estados Unidos e que na Siria en guerra está acedendo cotas de autodeterminación nunca antes atinxidas. 

De Mar de Lumes — Comité Galego de Solidariedade Internacionalista agradecemos a oportunidade dada pola Liga Estudantil Galega e a participación do Séchu Sende e das curdas que, entre o público, fixeron posíbel unha presentación reducida, mais intensa, da realidade do Curdistán, que en tantas cousas corre parella á nosa propia realidade nacional.

Máis información: