A caridade é humilhante porque se exercita verticalmente, desde a cima; a solidariedade é horizontal e implica respeito mútuo.
— Eduardo Galeano

domingo, 16 de febreiro de 2014

Non ao golpismo imperialista na Venezuela!

Manifestación baixo o lema «Pobo de paz» en Caracas
Libia, Siria, Ucraína e, agora, Venezuela. Nos últimos tempos estamos a asistir a unha serie de revoltas contra gobernos definidos pola súa histórica posición anti-imperialista, pretendidamente orixinadas sempre por causa das problemáticas específicas de cada un deses países, mais na realidade, dirixidas e alimentadas desde o exterior en grande parte ou na totalidade. Alimentadas non só economicamente, como tamén, en varios destes casos, con apoio loxístico, incluída a transferencia de armamento e de coñecementos militares, como nos casos da Ucraína e de Siria.

A recente vaga de violencia golpista nas rúas de Caracas contra a revolución bolivariana non responde senón a ese mesmo patrón: provocar un episodio de desestabilización que coloque o presidente Maduro e o seu goberno na diana da chamada comunidade internacional e, notadamente, dos Estados Unidos e da Unión Europea, que sempre se teñen manifestado contrarios ao proceso revolucionario e soberanista venezuelano. Desestabilizar o país para despois re-estabilizalo de acordo cos principios do ultraliberalismo e da súa materialización imperialista é, sen calquera dúbida, a folla de rota da oligarquía nacional e tamén dos seus parceiros internacionais, desexosos de reintroduciren no país os seus propios intereses económicos.

É para iso que foron mobilizados os sectores máis reaccionarios da burguesía e da oligarquía venezuelana que hai só uns días compartían cinicamente a preocupación do goberno pola crecente violencia nas principais cidades do país, e que antonte asasinaban varias persoas, ferían moitas outras e destruían predios e infraestruturas públicas en varios puntos da capital.

De Mar de Lumes — Comité Galego de Solidariedade Internacionalista non só condenamos a violencia desnecesaria con que se ten pretendido desestabilizar o goberno bolivariano, senón tamén todo o entramado imperialista e corrupto que está por tras dos asasinatos e do caos que se pretendeu sementar. Aliás, como anti-imperialistas, non podemos facer outra cousa que apoiar o goberno bolivariano, o proceso revolucionario que lidera, e os planos de integración continental que desde o respeito pola soberanía dos pobos está a promover en toda a América do Sul.

Non ao golpismo imperialista na Venezuela!
Viva a Revolución Bolivariana!