A caridade é humilhante porque se exercita verticalmente, desde a cima; a solidariedade é horizontal e implica respeito mútuo.
— Eduardo Galeano

martes, 25 de febreiro de 2014

O Curdistán non esquece: Öcalan liberdade!

Milleiros de persoas manifestáronse a semana pasada en varias cidades, entre elas Amed, capital do Curdistán do Norte, Estambul e Estrasburgo para non deixaren esquecer o decimoquinto aniversario do encarceramento de Abdullah Öcalan, o líder do Partido dos Traballadores do Curdistán (PKK) e principal preso político curdo nos cárceres da Turquía desde que lle fora conmutada a inicial pena de morte pola cadea perpetua en 1999.

O conflito turco-curdo, que desde hai dous anos decorre sen actividade da guerrilla do PKK, continúa hoxe particularmente estancado. As poucas medidas impulsionadas polo primeiro ministro turco, o islamita Recep Tayyip Erdogan, para tentar contentar o pobo curdo — como a recuperación da toponimia deturpada ou o permiso para ensinar curdo nas escolas privadas — foron cualificadas como absolutamente insuficientes polo movemento curdo e de oportunistas polo propio Öcalan, que reclamou, máis unha vez, a abertura dun proceso de negociación en profundidade.

A paralisación por parte da Turquía das negociacións co PKK contrasta coa abertura de novos tempos no Curdistán Occidental e no Curdistán Oriental, cuxos territorios fan parte, respectivamente, da Siria e do Iraque, e onde o pobo curdo está a avanzar de forma máis clara no camiño da soberanía.

+ info