A caridade é humilhante porque se exercita verticalmente, desde a cima; a solidariedade é horizontal e implica respeito mútuo.
— Eduardo Galeano

venres, 7 de marzo de 2014

Celebrado coloquio sobre o sistema educativo cubano

Onte, nunha xornada organizada pola Liga Estudantil Galega e na que Mar de Lumes colaboramos xunto coa Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil e a A.C. A Revira, puidemos escoitar o Cónsul Xeral de Cuba, José Antonio Solana, falando sobre o sistema educativo cubano diante dun auditorio de máis de 70 persoas congregadas nas aulas da Faculdade de Belas Artes da UVigo.

O Cónsul explicou a estrutura do sistema formativo e outros aspectos técnicos, ademais de explicar o enorme esforzo do goberno revolucionario para reducir a taxa de analfabetismo (Cuba foi o primeiro país da América do Sul a se declarar territorio libre de analfabetismo), para estender a educación ás zonas máis remotas da illa cun corpo de mestres voluntarios, ou para expandir o sistema universitario non só por toda a illa, como tamén con especial atención aos colectivos máis desfavorecidos, incluída a poboación carceraria, que pode reintegrarse á vida comunitaria cunha carreira universitaria. Inclusive, foron referidos datos de informes da varias organizacións internacionais, vinculadas á ONU, que sistematicamente teñen recoñecido a altísima calidade do sistema educativo en Cuba. Unha das ouvintes mesmo manifestou: "a miña avoa era analfabeta, a miña nai foi alfabetizadora, eu son xornalista".

José Antonio Solana falou tamén de como o ensino en Cuba se convertiu nun dos focos de máxima atención do goberno e inclusive fixo autocrítica a respeito da imposibilidade de manter un país onde todas as persoas posúan titulación universitaria, na medida en que son necesarios tamén traballadores e traballadoras cualificadas para atender os oficios produtivos. Unha autocrítica que, segundo explicou, é asumida polo goberno da República de Cuba, que xa ten implementado planos destinados a favorecer o ingreso de novos estudantes en ciclos formativos similares á Formación Profesional do sistema educativo galego.

A preguntas do público, que se extenderon por máis de unha hora, tamén se falou das dificuldades que algúns países poñen á convalidación de títulos universitarios obtidos en Cuba, sobre as misións científicas da illa en diversas partes do mundo, notadamente América Latina e África e sobre como o bloqueo económico que os Estados Unidos mantén ano após ano condiciona os aspectos materiais, non só no educativo, como no resto das tarefas diarias.