A caridade é humilhante porque se exercita verticalmente, desde a cima; a solidariedade é horizontal e implica respeito mútuo.
— Eduardo Galeano

mércores, 19 de marzo de 2014

O 21 celebramos o Newroz en Compostela

Esta sexta, 21 de marzo, ás 19h30, Mar de Lumes - Comité Galego de Solidariedade Internacionalista e a Liga Estudantil Galega organizan na adega Grândola de Compostela (r/ Cardeal Payá) unha xornada festiva e reivindicativa con motivo do Newroz, o ano novo curdo que se celebra por todo o planeta debido á diáspora desta nación sen Estado.

O acto solidario, que se fai extensivo a toda a comunidade curda de Compostela e comarca, consistirá en dúas breves charlas, impartidas por Suleiman Hassani, Óscar Valadares e Pepa Baamonde, seguidas de coloquio, no que se tratará a situación política e cultural dun pobo de máis de 50 millóns de persoas, que carece de Estado propio, cuxos membros son encarcerados por falaren a súa lingua propia e que, para máis dificultades, se encontra dividido entre a Turquía, a Siria, o Iraque e o Irán nunha das zonas máis ricas do oriente próximo, e portanto cobizada por todas as potencias occidentais.

Para rematar, Zêrya Alan, María N. Soutelo, Xosé Mª Vila Ribadomar e Rosa Enríquez intercambiarán Poemas por Curdistán, e os asistentes poderán desfrutar dalgún petisco e da música curda e mesmo adquirir o libro Viagem ao Curdistám para apanhar estrelas de Séchu Sende ou a tradución para o galego da grande epopea curda: Mem e Zîn de Ehmedê Xanî.

Newroz pîroz be!