A caridade é humilhante porque se exercita verticalmente, desde a cima; a solidariedade é horizontal e implica respeito mútuo.
— Eduardo Galeano

mércores, 18 de xuño de 2014

Galiza con Canarias. Non ás prospeccións de petróleo!

Máis unha vez Canarias volta sufrir as garras do imperio colonial. O goberno español quere usar esta nación africana para compracer os intereses da oligarquía nun novo intento de maximizar os beneficios económicos ás costas do pobo.

A falla de soberanía e a dependencia do estado imperialista convértea nun peón estratéxico para transnacionais e gobernos capitalistas. Perante isto animamos a clase traballadora canaria a continuar saíndo ás rúas, tomar parte activa dos movementos populares e non agardar ningunha resposta institucional.

Canarias é unha nación rica en recursos naturais para poder desenvolver enerxías renovables sen necesidade de danar bruscamente o medio ambiente e polo tanto non depender dun recurso limitado e contaminante como é o petróleo. Acadar a soberanía política e económica ­polo tanto enerxética­ é un dos obxectivos que temos que alcanzar as nacións colonizadas para por freo ós intentos de destrución e exquilmación do noso medio ambiente.

Desde o Comité de Solidariedade Internacionalista Mar de Lumes queremos denunciar os intentos de extraccións de petróleo das costas canarias. Consideramos que gobernantes e empresas non tiveron en conta en ningún momento a opinión do pobo.

Defendemos un modelo enerxético limpo e sostíbel, respectuoso ca flora e ca fauna e que non hipoteque a todo un pobo. Por experiencia sabemos que estes grandes megaproxectos non deixarán cartos nin emprego, ao contrario, destrución e fin dun modo de vida tradicional en consonancia co medio ambiente.

Reivindicamos como organización soberanista e antiimperialista o dereito dos canarios e canarias a decidir sobre o que lles afecta, a defender con dignidade os intereses do pobo e confrontarse contra as aspiracións coloniais de gobernos e multinacionais. Non podemos facer outra cousa que sumarnos as reivindicacións da clase traballadora canaria, apoiar aos movementos populares e animar a construír país desde abaixo e a esquerda.

Desde Galiza enviamos un saúdo fraternal e internacionalista,

Non ás prospeccións petrolíferas!
Boicot a Repsol!
Canarias libre e socialista!

— MAR DE LUMES
Comité Galego de Solidariedade Internacionalista