A caridade é humilhante porque se exercita verticalmente, desde a cima; a solidariedade é horizontal e implica respeito mútuo.
— Eduardo Galeano

mércores, 23 de xullo de 2014

Continúan mostras solidarias coa Palestina

Mentres a ocupación continúe, a solidariedade galega coa Palestina está asegurada. Na secuencia da entrada por terra das tropas asasinas sionistas en Gaza, e cando as persoas asasinadas xa ultrapasan sobradamente o medio milleiro e se dirixen rápida e criminalmente a camiño da seguinte centena, na Galiza as organizacións solidarias continúan a multiplicar a súa actividade.

Nesta semana, foi Vigo, coa súa manifestación da segunda feira, na que congregou máis de 2.000 persoas, a que deixou a análise máis lúcida. Fayez Badawi, delegado da Frente Popular para a Liberación da Palestina no Estado español aseguraba: "Queremos unha negociación que non estexa baseada nos postulados norteamericanos e europeos. Mentres o direito internacional estexa secuestrado, temos direito á resistencia en todas as súas formas, encabezada pola resistencia armada".

Tamén Ourense celebrou máis unha concentración o mesmo luns, coa participación do colectivo Corpo a Terra e encabezada pola faixa "Israel Stop Impunidade".



Os actos solidarios continuaron en Compostela, onde as organizacións solidarias promoveron un encontro artístico na praza do Toural con presenza de Pista4, Pallasos en Rebeldía, o Coro da Rá ou Circo9, que realizaron unha demostración acompañada do manifesto no que se lía "a humanidade que non quere ser cómplice deste holocausto despreza Israel como estado racista e canalla, reclama o fin do xenocidio e apoia a loita do pobo palestino por recuperar a paz, a terra e a soberanía".

A actividade solidaria aínda se ha completar nos próximos días cunha nova concentración na Coruña, ás 20h00 na praza do Obelisco.

Velaquí a galería completa da manifestación de Vigo (GzFoto)