A caridade é humilhante porque se exercita verticalmente, desde a cima; a solidariedade é horizontal e implica respeito mútuo.
— Eduardo Galeano

domingo, 14 de setembro de 2014

Liberdade para Alfon!

En 2012, no marco da greve xeral estatal de 14 de novembro, Alfonso Fernández Ortega, “Alfon” — un mozo de 21 anos na altura — foi detido en Madrid cando se dirixía ao punto de encontro para unirse a un piquete informativo. Trasladado inmediatamente aos calabozos da Brigada de Información, foi sometido a varios interrogatorios extraxudiciais levados a cabo por policías encapuzados que intercalaron as preguntas con ameazas á súa integridade, á súa familia e ao seu círculo de amizades, que fan parte dos grupos que en Vallekas e outros bairros obreiros de Madrid se organizan após anos de desmobilización promovida polos sindicatos do sistema, CCOO e UGT.

Alfon está acusado de levar unha bolsa con explosivos preparados para detonar no momento da súa detención, aínda que el sempre o negou. Con efeito, non hai constancia provada da súa relación coa bolsa que a policía di terlle incautado con gasolina, botes de gás e cinco cravos. As súas pegadas dixitais nen sequera foron encontradas naqueles obxectos. Aínda máis, o seu avogado, Erlantz Ibarrondo, ten suxerido que a detención de Alfon se enmarque, na realidade, nunha operación maior contra os Bukaneros (grupo antifascista de siareiros do Rayo Vallecano) e outras organizacións de esquerda, cuxo local foi rexistrado inmediatamente despois da detención de Alfon.

Porén, as contradicións da policía postas de manifesto nas vistas realizadas e a súa incapacidade para encontrar provas da inculpación de Alfon non foron suficientes para que o sistema represivo o deixase libre. Antes ao contrario, Alfon foi sometido ao rexime FIES — un rexime especial de detención que permite interceptar todas as comunicacións e practicar todo tipo de hostigamentos e restricións severas, e que ten sido denunicado en repetidas ocasións por multitude de organizacións internacionais. Un rexime que mesmo ten facultado a policía a entrar en domicilios e sedes de organizacións polo simple feito de teren escrito cartas de apoio ao detido, ou para restrinxir o acceso do detido a literatura ou música considerada “política”.

En apenas uns días, dous anos máis tarde duns feitos no mínimo escuros e en absoluto provados, Alfon enfrenta o xuízo que determinará se cumpre unha pena de prisión de 4 a 8 anos ou se é posto definitivamente en liberdade.

Como organización solidaria e internacionalista, desde Mar de Lumes só podemos aderir á campaña internacional de apoio a Alfon e denunciar o intento de criar un chivo expiatorio con este mozo fillo da súa clase e con iso frear unha posíbel revitalización da loita obreira. Os ataques deste tipo nunca se producen por acaso, nen son alleos ás dinámicas de loita. E iso tamén o sabemos en Galiza, coa persecución contra Carlos e Serafín ou contra Tamara e Ana, por citar apenas os exemplos máis recentes. Casos como estes evidencian a corrupción intrínseca ao sistema capitalista e, ao mesmo tempo, tamén a do Estado español como ferramenta coa que ese sistema é aplicado.