A caridade é humilhante porque se exercita verticalmente, desde a cima; a solidariedade é horizontal e implica respeito mútuo.
— Eduardo Galeano

luns, 22 de setembro de 2014

Novo xuízo contra independentistas bascos



Hoxe, 22 de setembro, 28 mozos independentistas bascos serán xulgados acusados de pertencer a Segi, organización xuvenil da Esquerda Abertzale ilegalizada polo Estado español, a partir de informacións obtidas baixo tortura e cando hai pouco tempo outros 40 mozos e mozas foron absoltos polo mesmo tribunal de excepción — A Audiencia Nacional — acusados do mesmo "delito". O obxectivo real, pois, non é deter e encarcerar perigosos delincuentes, senón travar e contribuir a paralisar a posibilidade de que en Euskal Herria continúe a se consolidar o novo escenario de paz. En resumo, un novo ataque ao feito de facer política desde a base e unha nova provocación dos inimigos da paz, que desde Mar de Lumes - Comité Galego de Solidariedade Internacionalista non podemos deixar pasar sen máis. A continuación, o manifesto Aske Eguna, e un vídeo onde dous dos mozos explican a situación e as torturas ás que teñen sido sometidos:

MANIFESTO ASKE EGUNA


Máis unha vez, atopámonos diante dunha grave situación. A Audiencia Nacional española vai xulgar 28 mozos bascos pola súa militancia política baseándose en declaracións realizadas baixo tortura. A acusación é unha pena de seis anos de cárcere. É intolerábel que nunha pretendida democracia casos como este continúen a se repetir. Estamos fartas de tanto sofrimento. É hora de desobedecer estas leis inxustas.

Este xuízo non fai sentido, nen política nen xudicialmente, en Euskal Herria. É inxusto. O pasado curso, o mesmo tribunal de excepción absolveu outros 40 mozos bascos baixo a mesma acusación. Por que agora teima de novo, contra as súas mesmas decisións? Até cando?

Non somos inxenuas e sabemos que a solución está nas nosas mans. Sabemos que o povo, un gran muro popular, é o único que pode acabar con este pesadelo dunha vez por todas.

Que propomos?

Nos últimos anos, teñen sido incontábeis as veces que expresamos o noso desexo de dar unha saída democrática ao conflito político de Euskal Herria. Os xuízos políticos baseados en leis inxustas están totalmente fóra desta lóxica. Queren acabar, sexa como fro, coas esperanzas de paz deste povo. Nós fixemos unha aposta clara por unha solución democrática e non vamos ficar de brazos cruzados. E eles sábeno.

Temos que acabar cos xuízos políticos. Eis o obxectivo.

Temos aprendido de cada iniciativa realizada contra os xuízos políticos. Día a día, somos máis as que queremos deixar atrás estas situacións sen sentido. Día a día somos máis as que queremos formar un muro popular máis forte. Cada día seralles máis complicado deternos e xulgarnos, porque cada día llo poremos máis e máis difícil.

1. Algunhas de nós iremos a Madrid a denunciar esta farsa de xuízo, e moitas teremos que toparnos de novo cos nosos torturadores e escoitar as súas mentiras. Como se pode definir como xusta unha sociedade que permite estas situacións?

2. Outras non iremos a Madrid. Non nos moveremos de aquí, do noso povo, e non participaremos en xuízo ningún. Queremos expresar cos nosos actos a apremiante necesidade de resolver este problema estrutural. Aínda sabendo que nos deterán por ficarmos en Euskal Herria, esta é a achega que facemos ao proceso de resolución do conflito. De novo é a hora do muro popular, e necesitaremos a axuda de todas vós.

Só grazas á achega persoal de cada unha de vós atinxiremos unha solución xusta. Cada cal na súa medida, toda colaboración será benvida para deter os ataques deste sistema corrupto dunha vez por todas.

Estamos na hora de unirmos forzas, de nos apoiarmos unhas noutras. Estamos na hora de respondermos como povo e temos unha ocasión para o facer. Aquí e agora. Unámonos diante da inxustiza!

A vitoria será do povo ou non será. Irabaziko dugu!

Euskal Herria, setembro do 2014.