A caridade é humilhante porque se exercita verticalmente, desde a cima; a solidariedade é horizontal e implica respeito mútuo.
— Eduardo Galeano

domingo, 12 de outubro de 2014

Roger Castellanos: "O proceso catalán non o lideran as elites, senón o povo. É unha aposta popular"

| Un momento da intervención do Roger Castellanos no Silveira Casa de Xantar

Onte, 11 de outubro, un mes despois da histórica demostración do V catalán en Barcelona e do V simbólico realizado en Compostela pola Plataforma Galiza con Catalunya, organizamos unha palestra en Compostela para que Roger Castellanos, do Moviment Defensa de la Terra (MDT) e das Candidatures d'Unitat Popular (CUP) explicase de onde parte a situación actual en Catalunya, a onde quer chegar o independentismo e o modo como o pensa facer.

Diante dunha vintena de asistentes, Roger Castellanos fixo un breve repaso do movimento de resistencia protonacional e nacional catalán ao dominio español e tamén sobre a transformación desa fase de resistencia nunha fase de avance, de maneira moi clara após o recorte do Estatut e a sistemática negación dos últimos gobernos españois a calquera avance no autogoberno e na soberanía catalá.

Ademais, ilustrou como a situación en Catalunya hoxe non depende xa das elites económicas nen dos seus correlatos políticos (principalmente CiU), senón que de maneira cada vez máis clara, ten sido o pobo, a través de organizacións civís como Òmnium Cultural ou como a Assemblea Nacional Catalana ás que os partidos se teñen acoplado e teñen apoiado despois, o que ten liderado o avance independentista unha vez verificado que o Estado español non está interesado en calquera tipo de acoplamento catalán, senón na súa asimilación e uniformización plena. Sen dúbida, unha importante lección tamén para Galiza.