A caridade é humilhante porque se exercita verticalmente, desde a cima; a solidariedade é horizontal e implica respeito mútuo.
— Eduardo Galeano

sábado, 22 de novembro de 2014

Colombia: os diálogos da Habana deben continuar

O mércores pasado, 19 de novembro, os diálogos da Habana en que as FARC-EP e o goberno colombiano negocian o proceso de paz do país suramericano cumpriron dous anos. Neste tempo, tense falado do fin da actividade armada das FARC-EP, mais tamén de reforma agraria, da situación dos presos e outros avanzos en liberdades, soberanía e democracia exixidos polo exército popular.

O día 16, a captura dun dos xenerais das forzas armadas do Estado que por motivos que aínda non foron explicados polo Ministerio da Defensa se encontraba en zona de guerra, foi empregado polo goberno de Juan Manuel Santos para suspender o ciclo 31 de conversas, a pesar de que o propio goberno se ten negado repetidamente a acompañar os diálogos de paz cun cesar-fogo que axude a desescalar o conflito, tal como as FARC-EP solicitaron desde o inicio das conversas. Santos, que leva meses reiterando que o que aconteza en Colombia non ten por que afectar a Mesa de diálogos, non só decidiu paralisar as negociacións baixo un pretexto que el mesmo tiña descartado anteriormente, senón que é o máximo responsábel polas accións militares que en territorio colombiano continúan contra posicións guerrilleiras.

Mentres o ministro de defensa colombiano asegura que os mandos do exército popular que se encontran na Habana en misión de diálogo o fan, na realidade, para fuxiren da morte inminente a mans do exército do Estado, as FARC-EP continúan firmes na súa aposta pola paz e chegaron xa a un acordo con Cuba e con Noruega — os países que actúan como garantes das conversas — para a liberación do xeneral capturado. Espérase que, con este novo xesto de vontade negociadora das FARC-EP, o goberno colombiano decida continuar as negociacións.

Desde Galiza, as organizacións antiimperialistas e internacionalistas, entre elas Mar de Lumes - Comité Galego de Solidariedade Internacionalista, acompañamos con grande interese as negociacións que o goberno colombiano vén de suspender. Para iso, instamos á súa reanudación para continuar o camiño da paz, pero denunciamos igualmente a ilóxica pretensión do goberno títere de Santos de se reservar o dereito a continuar usando a forza militar contra as FARC-EP durante o proceso. Tal como afirmaba o portavoz guerrilleiro, Comandante Pablo Catatumbo: "O que hai que suspender é a guerra, non o proceso de paz".