A caridade é humilhante porque se exercita verticalmente, desde a cima; a solidariedade é horizontal e implica respeito mútuo.
— Eduardo Galeano

sábado, 29 de novembro de 2014

Homenaxe xusta a Pedro Trigo, heroe galego-cubano


Onte, 28 de novembro, a Asociación de Amizade Galego Cubana Francisco Villamil e Mar de Lumes - Comité Galego de Solidariedade Internacionalista realizamos unha xornada de homenaxe nacional ao heroe galego-cubano do asalto ao cuartel Moncada onde se inicia, como ponto de partida emblemático, a Revolución Cubana.

Un momento da recepción no concello de Pontevedra |
A xornada comezou coa recepción na alcaldía de Pontevedra de Pedro Trigo, xunto co Cónsul Xeral da República de Cuba, José Antonio Solana, e parte da equipa consular, nunha reunión que serviu para comentar a historia concreta de varios participantes galegos no episodio do Moncada, así como noutras fases da Revolución, como os irmáns Ameixeiras, Frank País ou Xulio Trigo, irmán do propio Pedro Trigo, que morreu na acción.

Perto dun cento de persoas acudiron á palestra-coloquio con Pedro Trigo na Faculdade de Belas Artes |
Pola tarde, a homenaxe continuou cos actos públicos na facultade de Belas Artes de Pontevedra, cunha participación dunhas 100 persoas, a partir da actuación dos músicos Carme Penin e Mauricio Polsinelli, da proxección do documental Fuimos el inicio – Recuerdos del asalto al Moncada, e inmediatamente coa introdución do Cónsul Xeral e coa palestra e posterior coloquio arredor das experiencias de Pedro Trigo, que explicou a situación previa á Revolución — coa ditadura de Fulgencio Batista dirixida polos Estados Unidos —, a necesidade urxente de concretar unha acción revolucionaria e o modo como aquilo finalmente se verificou no asalto ao Moncada — falido militarmente, pero de grande importancia política, como se comprovou posteriormente. "No Moncada comezou de novo a loita pola independencia e soberanía de Cuba", afirmou Pedro Trigo.

A xornada terminou á noite cunha cea de confraternización con case 50 persoas, e coa entrega dun presente en nome das organizacións convocantes.

A entrega do presente das organizacións convocantes a Pedro Trigo |

Unha homenaxe para moitos e moitas máis

Homenaxear Pedro Trigo é a forma que desde Mar de Lumes, en colaboración coa AAGC Francisco Villamil, temos de homenaxear, en sentido máis amplo e abranxente, o resto de combatentes do Moncada — galegos e non galegos. Facelo pon de relevo a importancia histórica da nosa emigración, tal como destacou o Cónsul Xeral na súa intervención, e afasta de nós a idea de sermos un povo apoucado que viaxaba polo mundo á procura de fortuna, tal como tanto nos ten repetido a historiografía e o discurso político español nas escasas ocasións en que se refere á historia de Galiza.

Exemplos como os de Pedro e Xulio Trigo, e non só, afirman a idea de que os galegos e as galegas non marchaban, senón que eran expulsados do seu país por un sistema colonial que lles impedía viveren nas súas casas, e que unha vez fóra, se imbricaron fortemente nos povos que os receberon, participando intensamente nas súas sociedades de acollida, ao ponto de teren papeis destacados en episodios históricos como o do asalto ao Moncada. Pedro Trigo, fillo da emigración galega forzada, é unha evidencia viva desta conclusión.