A caridade é humilhante porque se exercita verticalmente, desde a cima; a solidariedade é horizontal e implica respeito mútuo.
— Eduardo Galeano

luns, 22 de decembro de 2014

Contra o asasinato do ministro Abu Ein e contra o rexime de terror sionista


Ziad Abu Ein, Presidente da Comisión da Autoridade Palestiniana contra o Muro de Separación e contra os Colonatos, foi asasinado o día 10 de decembro, mentres participaba na vila palestiniana de Turmusaya nun acto simbólico e pacífico contra a confiscación de terras palestinianas: unha plantación de oliveiras, símbolo universal da paz. Ziad Abu Ein resultou morto despois de ter sido golpeado salvaxemente por policías israelitas e inhalar gases lacrimóxenos, tras o que se lle denegou a atención médica inmediata que necesitaba para sobreviver.

Mar de Lumes - Comité Galego de Solidariedade Internacionalista quer manifestar, máis unha vez, a súa solidariedade co povo palestiniano agredido permanentemente por Israel e facer a máis enérxica das condenas contra o rexime racista e de apartheid que os grandes intereses oligopólicos teñen instalado na Palestina en forma de Estado sionista. Queremos, do mesmo modo, reafirmar a aposta da solidariedade galega organizada en Mar de Lumes por unha solución que inclúa o fin da ocupación da Palestina e a devolución das terras roubadas para que sexan reintegradas aos milleiros de exiliados e exiliadas desde a Nakba, e que constitúa o fin da existencia do proxecto sionista.

Somos conscientes de que Israel é apenas a denominación do proxecto imperialista na rexión do Oriente próximo, e que portanto ningún apelo á súa pretendida "boa vontade" vai servir para paralisar as agresións diarias e a violencia practicada de maneira sistemática polas súas forzas armadas e polos seus colonos contra a poboación palestiniana. Sabemos tamén que só a repulsa activa a esta barbarie, exercida no plano internacional por medio da campaña internacional de boicote, desinvestimentos e sancións, pode colocar ese proxecto imperialista nunha situación de debilidade suficiente como para que calquera negociación vaia alén do puro simulacro. O noso papel, como organización de solidariedade, non pode ser outro que apoiar esta campaña e, ao mesmo tempo, toda a resistencia que o povo palestiniano estexa en disposición de exercer, por calquera das vías posíbeis.

Con esta nova agresión, personificada no ministro Abu Ein mais que na realidade é contra toda a Palestina, Mar de Lumes reafírmase nos seus compromisos co povo palestiniano:

1. Divulgar e socializar en Galiza a barbarie da ocupación da Palestina, dos seus métodos e dos fins que persegue o imperialismo occidental con este proxecto declaradamente fascista.

2. Reclamar a condena internacional do Estado de Israel polos crimes inherentes á ocupación que practica, particularmente aqueles crimes de guerra e aquelas violacións dos máis elementares direitos humanos.

3. Promover todas cantas accións de boicote, desinvestimentos e sancións sexan posíbeis en Galiza, en colaboración con outras entidades antisionistas e polos direitos humanos, particularmente coa campaña BDS-Galiza.

4. Denunciar os acordos comerciais e a colaboración económica entre os oligopolios e as oligarquías sionistas e da Unión Europea, así como a limpeza de imaxe de Israel feita diariamente polas institucións da UE.

5. Exixir a inmediata liberación das e dos prisioneiros políticos palestinianos en cárceres sionistas, como Ahmad Sa'adat ou Marwan Barghouti, entre tantas e tantos outros.

Palestina vencerá!

Mar de Lumes - Comité Galego de Solidariedade Internacionalista
Compostela, 22 de decembro de 2014.