A caridade é humilhante porque se exercita verticalmente, desde a cima; a solidariedade é horizontal e implica respeito mútuo.
— Eduardo Galeano

sábado, 13 de decembro de 2014

Euskal Herria e Catalunya: vías para a independencia

O día 11 de decembro Mar de Lumes-Comité Galego de Solidariedade Internacionalista, organizou dous actos paralelos coa soberanía como ponto en común, nos que se falou da imposibilidade de reformar do Estado español e da necesidade de os pobos se autogobernaren e decidiren por si propios, sen limites impostos desde o exterior ou en función de intereses alleos.

Na Facultade de Historia de Compostela, Xabier Mikel Errekondo (membro de Sortu e Portavoz de Amaiur no Congreso dos Deputados) explicou diante de case cen persoas o proceso social polo que está a apostar a esquerda patriótica basca e a maioría social naquel país, debullando as dificultades de ter un país dividido en dous estados e con níveis de poder institucional tan díspares, así como a política de inmobilismo dos Estados español e francés ao respeito do proceso de paz en Euskal Herria. Explicou así a aposta da esquerda abertzale por continuar avanzando na folla de rota de Aiete, mesmo que sexa de forma unilateral, e como isto está a posibilitar que, após anos de ilegalizacións e de estado de excepción política, a aposta confluente das organizacións independentistas bascas estexa a dar grandes resultados no plano social e eleitoral.

Ao mesmo tempo, na Fundación Alexandre Bóveda da Coruña, Roger Castellanos (membro de Poble Lliure e concelleiro da CUP de Tagamanent) falaba sobre o imparábel proceso de independencia de Catalunya, sobre a política de negación sistemática por parte do Estado español e sobre algunhas das súas estratexias, como o intento de socializar a idea de que a independencia é un interese das elites burguesas de CiU e ERC, en lugar dun fenómeno popular en grande medida irreversíbel. Ademais, partillou a análise feita pola esquerda independentista catalá a respeito das estruturas imperialistas como a UE, tamén identificada como tal polo soberanismo galego e por Mar de Lumes.

Ambas as intervencións enmárcanse no traballo de apoio e difusión aos procesos de emancipación nacional que Mar de Lumes vén realizando desde a súa fundación como un dos seus eixos programáticos centrais, co obxectivo de recoller experiencias — como a basca ou a catalá — que poidan ser aplicadas a Galiza.