A caridade é humilhante porque se exercita verticalmente, desde a cima; a solidariedade é horizontal e implica respeito mútuo.
— Eduardo Galeano

mércores, 17 de decembro de 2014

Liberados os últimos 3 cubanos encarcerados nos EUA, a solidariedade continúa

A data de hoxe, 17 de decembro de 2014, vén de se converter nun fito fundamental para Cuba e para todas as persoas e organizacións que exercemos a solidariedade co povo cubano. Veñen de ser liberados os últimos tres dos Cinco axentes encarcerados nos Estados Unidos por revelaren información sobre ataques terroristas contra Cuba.

Antonio Guerrero Rodríguez, Gerardo Hernández Nordelo e Ramón Labañiño Salazar foron liberados no día de hoxe, uníndose así a Fernando González Llort, excarcerado en febreiro e a René González Sehwerert, liberado en maio de 2014, ambos após cumpriren até o último minuto das súas condenas. Termina desta maneira, grazas á presión solidaria e ás negociacións levadas adiante pola diplomacia cubana, un dos episodios máis descarados e vergoñentos do liñamento anticubano dos Estados Unidos.

Estes cinco cubanos tiñan sido encarcerados nos Estados Unidos en 1998, após entregaren ao FBI documentación e gravacións de conversas de diversos grupos sobre ataques á illa preparados por opositores que operaban principalmente desde Miami e outras ciudades norteamericanas, como Luis Posada Carriles, autor confeso da voadura do voo 455 que produciu a morte de 73 civís en 1976, e que nunca foi xulgado. Diante das evidencias, a resposta dos Estados Unidos foi acusar os axentes antiterroristas de espionaxe e de comprometeren a seguranza interna norteamericana. A realidade, porén, é que os Cinco nunca tiveron como misión a espionaxe, senón apenas infiltrar os grupos de opositores que desde aquel país preparaban e financiaban accións terroristas, tal e como demostraron as gravacións entregadas. Durante o xulgamento, organizacións de solidariedade coa Revolución — e tamén outras, pouco sospeitosas de seren pró-cubanas, como Amnistía Internacional — denunciaron a falta de probas que demostrasen as acusacións feitas polos EUA e o acceso limitado dos acusados aos seus avogados e á documentación, bloqueando o seu dereito á defensa. Mesmo así, o xuízo concluíu con condenas desproporcionadas, convertendo o caso dos Cinco nun exemplo icónico da actitude do imperialismo contra Cuba.

Desde Mar de Lumes - Comité Galego de Solidariedade Internacionalista, unímonos ao resto de organizacións e persoas que en Galiza exercen a solidariedade con Cuba e expresamos a nosa alegría por esta boa nova e pola nova fase de relacións bilaterais que parece vir a abrirse, ao tempo que reafirmamos aínda con maior énfase o noso compromiso con Cuba e contra o imperialismo, que alén destas liberacións continúa agredindo o povo cubano por medio dun bloqueo criminal que tamén debe ser levantado. Do mesmo modo que René González tiña asegurado sentirse preso mentres os seus compañeiros permanecesen encarcerados, nós — como parte desa corrente da solidariedade — non podemos sentirnos libres mentres Cuba non poida libertarse do bloqueo imperialista e exercer o seu goberno de forma absolutamente libre e soberana.

Viva a Revolución cubana!
Vivan os povos que loitan!

Compostela, 17 de decembro de 2014
Mar de Lumes - CGSI