A caridade é humilhante porque se exercita verticalmente, desde a cima; a solidariedade é horizontal e implica respeito mútuo.
— Eduardo Galeano

domingo, 1 de febreiro de 2015

Colombia: o dilema a definir entre todos

Nos últimos tempos téñense xerado enormes expectativas sobre o proceso de paz en Colombia que están a negociar na Habana representantes do goberno daquel país e das FARC-EP. Tras a tregua unilateral e indefinida decretada pola guerrilla consideramos de enorme interese reproducir este texto de Timoleón Jiménez, Xefe do Estado Maior Central das FARC-EP botando luz sobre a situación actual e das necesidades do proceso.

De acordo co informado pola grande prensa, ás tres da tarde do día 5 de febreiro terá lugar unha reunión entre a Unidade Nacional, o alto mando militar colombiano e o ministro da defensa, na cal a coalición do goberno do Presidente Juan Manuel Santos comunicará á cúpula castrense que as forzas armadas oficiais non serán as perdedoras na asinatura dun acordo final coas FARC, co obxectivo de as tranquilizar para que non se opoñan ao proceso de paz.

O acordo sobre a referida reunión xurdiu doutra reunión celebrada en palacio entre os voceiros da Unidade Nacional, o ministerio de defensa e o propio Presidente da República. Alí terían decidido a necesidade de blindaren as forzas armadas de maneira tal que non vaian resultar prexudicadas polo pactado en materia de xustiza na Mesa da Habana. E é esa determinación a que se pensa dar a coñecer ao corpo de xenerais na data mencionada.

Aténdonos ao informado publicamente, ademais das garantías xudiciais aos militares no pós-conflito, nesa reunión tratarase o trámite do proxecto en curso sobre foro penal militar e o compromiso oficial de o sacar adiante, alén de calar as voces que dentro das forzas militares teñen manifestado disimuladamente a súa disconformidade cos desenvolvementos do proceso de paz que se adianta coas FARC-EP na Habana.

Nesa tripla dirección, o senador Roy Barreras, protagonista central da reunión preparatoria, declarou ante os medios que se aplicarán beneficios de xustiza transicional a guerrilleiros e militares, pero non coa mesma vara de medir. Deberá haber un capítulo especial para a forza pública. No mesmo sentido, o senador Armando Benedetti saíu a dicir que haberá que buscar unha xustiza transicional para os militares, na cal eles teñan dereito a un indulto.

É dicir, que haberá dúas xustizas transicionais completamente diferentes: unha para a insurxencia e outra para os integrantes das forzas armadas. Pola súa banda, tamén escoitamos declaracións do voceiro oficial na Mesa por parte do goberno, Humberto de la Calle, nas que se refire ás diferenzas coas FARC en materia de xustiza transicional e aos esforzos que haberá que realizar para as superar e atinxir un punto de encontro.

Tamén soubemos uns días atrás da rolda de prensa concedida polo xeneral Óscar Naranjo ao redor das próximas sesións da Mesa, os mecanismos a implementar e a forma como se haberán de desenvolver as discusións. Todo o anterior deixa claro que existen definicións por parte do goberno nacional en todas as materias pendentes, sobre o cal non dubida en informar o público, malia non ter tratado nen concertado nada aínda a respeito diso connosco.

Xa se manexa na prensa o contido que terán as discusións da Subcomisión Técnica sobre o fin do conflito, malia que as delegacións das partes na Habana aínda non abordasen o tema do mandato que deberá ter a referida subcomisión para o seu traballo. Do mesmo xeito, axítase o debate arredor da conformación ou participación das FARC nun corpo de policía ou xendarmería rural cando tal asunto nen sequera foi mencionado na Mesa.

Todas esas cuestións deben orixinarse, cremos, no afán do goberno nacional por tranquilizar diversos sectores ou grupos de interese relativamente ao que, no fin das contas, podería saír da Mesa. A actitude do Presidente Santos após o seu retiro espiritual de Cartaxena parece dirixida a fortalecer ao máximo no ánimo da nación a vontade de apoiar o proceso de paz da Habana, e iso está ben. O discutíbel é se para o facer convén axitar tanta expectativa incerta.

No pasado, houbo unha posición tan radical por parte do goberno con relación á divulgación dos contidos que se discutían na Mesa, insistiuse tanto na denominada confidencialidade e na inconveniencia de se referir en público a temas delicados pendentes de abordar, que a repentina actitude contraria non deixa de chamar a atención. Máis cando aparece ligada ás présas, prazos e conxunturas electorais mediante as cais parece que se tenta presionarnos.

Supomos que o goberno do Presidente Santos sabe ben o que está a facer, aínda que non deixa de nos intranquilizar. Sería inxusto da nosa parte non recoñecer a boa vontade oficial en colaborar e mesmo facilitar cada un dos movementos que foi necesario realizar tanto para a recomposición da nosa delegación como para a integración da Subcomisión Técnica. Niso o Presidente e demais autoridades demostraron grande seriedade. E debe recoñecerse.

Aínda que no noso parecer, esa mesma seriedade pode ser cuestionada ao observar o mar de especulacións que circulan, entre outros, sobre os temas a que nos referiamos. Ou por exemplo nun asunto tan crucial como o do cesar-fogo bilateral. Tras recoñecer o cumprimento pola nosa banda do compromiso adquirido a partir de 20 de decembro do ano anterior, o Presidente insinuou formalmente que a súa bilateralidade sería un próximo obxecto de discusión.

Isto, cando na realidade estaba a se referir ao pactado no Terceiro Ponto do Acordo Xeral sobre o final do conflito, é dicir: o cesar-foto bilateral que haberá de ter lugar cando se asine un acordo final que, a verdade, non sentimos tan próximo. Continuamos a sofrer permanentes arremetidas por parte das forzas armadas regulares, derramando sangue guerrilleiro, que é sangue do pobo colombiano en loita. Así é moi difícil continuar.

Xa o dicía o Comandante Fidel Castro Ruz na súa máis recente mensaxe pública, ao se referir aos achegamentos entre os gobernos dos Estados Unidos e Cuba: defender a paz é un deber de todos. A humanidade enteira loita contra quen fixo da violencia e a guerra o mecanismo predilecto para acrecentar e defender as súas fortunas. A paz, realmente, é unha aspiración dos pobos secularmente sometidos polas armas dos propietarios.

É necesario que unha inmensa maioría de colombianos se poña en pé para facer saber á oligarquía gobernante que non está disposta a continuar soportando a súa guerra nen os seus crimes. Está ben: estamos dispostos plenamente a facer política polas vías pacíficas e civilizadas, mais para iso requírese que os donos do poder depoñan definitivamente a súa actitude e condutas violentas. Diso se fala na Habana, e ese cardinal dilema debemos definilo entre todos.

TIMOLEÓN JIMÉNEZ
XEFE DO ESTADO MAIOR CENTRAL DAS FARC-EP

Montañas de Colombia, 27 de xaneiro de 2015.

**Orixinal en Resumen Latinoamericano. Tradución para o galego de mardelumes.org