A caridade é humilhante porque se exercita verticalmente, desde a cima; a solidariedade é horizontal e implica respeito mútuo.
— Eduardo Galeano

martes, 10 de marzo de 2015

Aprendendo de Cataluña e Escocia


O sábado 7 celebramos, xunto co grupo de Galiza pola Soberanía do Morrazo unha intensa xornada de camaradaría e aprendizaxe coas experiencias catalá e escocesa, da man de Pilar Fernández (da Solidarity with Scotland International Campaign) e Susana Montesinos (da Assemblea Nacional Catalana).

Na primeira parte, á que seguiría unha festa de convivio internacionalista, coñecemos algúns pormenores sobre a situación actual de Escocia após a vitoria do Non no referendo de independencia e sobre o modo como a campaña Better Together conseguiu imporse a base de promesas dunha descentralización aínda maior que finalmente se verificaron falsas.

Moi interesante tamén foi a intervención de Susana Montesinos, que achegou datos sobre a situación en Cataluña após as impresionantes manifestacións de vontade popular de novembro pasado, cando desde todas as partes do planeta, tamén a desde Galiza, se apoiou a aposta do povo catalán pola independencia e por realizar un referendo vencellante. 

As experiencias de Escocia e de Cataluña son, sen dúbida, dunha importancia incontestábel para todo o diverso movemento de liberación nacional galego, mais tamén para toda persoa que acredite nos principios esenciais da democracia. Son, portanto, fórmulas que inspiran o traballo á procura dunha estratexia axeitada e adaptada á Galiza, do mesmo modo que en Cataluña ou Escocia cada un tiña peculiaridades proprias.