A caridade é humilhante porque se exercita verticalmente, desde a cima; a solidariedade é horizontal e implica respeito mútuo.
— Eduardo Galeano

venres, 27 de marzo de 2015

Newroz2015: solidariedade co Curdistán

No serán e noite de onte, 26 de marzo, celebramos en Compostela o Día Nacional do Curdistán e á vez o ano novo curdo: o Newroz. Contamos para iso coa colaboración da Liga Estudantil Galega e do restaurante Newroz Dönner Kebap, un dos restaurantes curdos da cidade, que ofreceu as súas instalacións e o saber facer para a festa de solidariedade e irmandade.

Antes diso, asistimos a dous micro-documentarios. O primeiro deles, Cada casa umha escola, da autoría do galego Séchu Sende, mostraba a situación de aculturación e loita por conservar a identidade no Curdistán Norte, fronte ao embate do asimilacionismo turco. Nas entrevistas que inclúe, centradas á volta da lingua, é perfeitamente visíbel un proceso que tamén — e tan ben — coñecemos en Galiza. O segundo dos documentarios, Un pueblo invisible, gravado por unha equipa basca baixo dirección de Borja Portuondo, mostra as difíceis condicións de vida dos Curdos da Rojava, o territorio ocupado polo Estado sirio, antes das operacións imperialistas contra a propia Siria e a irrupción do ISIS como produto imperialista para desestabilizar todo o posíbel a rexión. 

Despois dos documentarios, Mehmet Akgoz e Resul Berti, dous curdos do norte — o territorio ocupado polo Estado turco — explicaron de onde vén o conflito nacional do Curdistán e en que ponto se encontra neste momento, con referencia ao confederalismo democrático que propón Abdullah Öcalan, así como en relación ás loitas políticas que cada un dos catro territorios en que foi dividido o Curdistán está a levar a diante por conseguir unha maior autonomía de cara ao proceso de autodeterminación. Para máis información sobre a situación, recomendamos a leitura do noso especial Curdistán.  


Subscrebe a nosa axenda solidaria!