A caridade é humilhante porque se exercita verticalmente, desde a cima; a solidariedade é horizontal e implica respeito mútuo.
— Eduardo Galeano

luns, 29 de xuño de 2015

Galiza contra o ataque á III Flotilla da Liberdade, e contra a impunidade de Israel



Este serán, 29 de xuño, centos de persoas saímos ás rúas das principais cidades galegas e de todo o mundo en rexime de autoconvocatoria urxente. Fixémolo cun único obxectivo: denunciarmos a impunidade de Israel, a brutalidade do sionismo e a complicidade da Unión Europea perante os gravísimos feitos que viñan de acontecer na madrugada anterior: o asalto armado por parte da mariña de guerra sionista á III Flotilla da Liberdade e o secuestro do buque Marianne, no que viaxaban activistas de diversos países, co obxecto de rachar simbólicamente o bloqueo contra a Faixa de Gaza.

A acción armada de Israel non só constitúe un grave caso de pirataría internacional coa connivencia dos grandes poderes europeos, mais preocupados por continuar a estrangular o digno povo grego do que pola violación dos máis elementares dereitos humanos na Palestina. É, ademais, un acto de extensión desa mesma violación contra o propio activismo polos dereitos humanos, deixando claramente exposto o proxecto xenocida de Israel.

En todo caso, o ataque á Flotilla da Liberade, do mesmo xeito que aconteceu coas dúas anteriores, ás que tamén impediran pola forza chegaren ao seu destino, non nos debe impedir ver o verdadeiro problema de fondo, que non é o outro que a ocupación criminal da Palestina por parte do Estado sionista de Israel, en particular na Faixa de Gaza através dun bloqueo delirante que dura xa oito anos.

As persoas que hoxe nos manifestamos na Coruña, en Ourense, en Vigo, en Compostela, en Pontevedra, en Moaña ou en Ribeira fixémolo sendo claramente conscientes desta situación, renunciando a calquera eurocentrismo e partillando a dor coa ampla comunidade árabe no noso país, e singularmente coa palestiniana. E o feito de que nesta ocasión a impunidade israelita teña atinxido unha compatriota nosa, a eurodeputada do BNG Ana Miranda, non fai mais que chamar a nosa atención para o feito de que o imperialismo non terá fronteiras nen limites se non somos as persoas e os povos organizados as que llos poñamos.

Neste momento, a tripulación do Marianne encóntrase privada de liberdade na base militar de Ashdod, onde se lle nega calquera tipo de asistencia consular, e desde a que esperamos que cada unha das activistas sexa deportada en próximas horas para poder regresar a casa e continuar combatendo o terrorismo sionista.

Para iso, desde Mar de Lumes - Comité Galego de Solidariedade Internacionalista, animamos a todas as persoas a aderiren á campaña internacional de Boicote, Desinvestimentos e Sancións contra Israel, que ten unha organización operativa no noso país e que se revela, neste momento, como a vía máis eficaz para loitar contra Israel.



Concentración de Vigo ás portas do MARCO


Concentración en Ourense. 


Compostela, onde a concentración terminou en manifestación.



Pontevedra, na praza da Peregrina



Concentración no Obelisco na Coruña


Moaña, dainte da porta do concello. 

Concentración en Ribeira

Subscrebe a nosa axenda solidaria!