A caridade é humilhante porque se exercita verticalmente, desde a cima; a solidariedade é horizontal e implica respeito mútuo.
— Eduardo Galeano

luns, 6 de xullo de 2015

204 anos da primeira independencia de Venezuela; construíndo a segunda

O 4 de xullo, data en que Venezuela celebra o aniversario da súa primeira independencia, persoas de Galiza e de Venezuela celebramos en Pontevedra e Moaña unha intensa xornada de amizade que, nuns momentos que son de máxima importancia para a Revolución Bolivariana, se converteu tamén nunha ampla xornada de apoio á causa da América Latina e, singularmente, da Venezuela.

A xornada comezou cunha concentración simbólica na Praza da Peregrina de Pontevedra, co obxectivo de levar ás rúas o apoio ao proceso revolucionario venezuelano, confrontando coa manipulación mediática continuada. Diso falaron os intervinientes, a cónsul de Venezuela en Galiza, Mónica Sánchez, e os representantes das dúas organizacións de solidariedade que facían parte da convocatoria, a Asociación Galego Cubana Hugo Chávez e Mar de Lumes — Comité Galego de Solidariedade Internacionalista.

Imaxe da concentración de Pontevedra.
Posteriormente, os actos trasladáronse á vila de Moaña, onde continuaron cun concurrido xantar de confraternidade e cunha dupla palestra a cargo, novamente, da cónsul Mónica Sánchez, que falou ao numeroso público dos avanzos e dos desafíos da Revolución Bolivariana; e de Teresa Moure, que relatou a súa experiencia co povo venezuelano, sinalando que "Venezuela é unha illa arrodeada polo mar da incomprensión, da ameaza. Mais como todas as illas, navega; desafía".

Imaxe parcial do xantar de confraternidade celebrado nun restaurante de Moaña.
 Para Mar de Lumes, esta actividade fai parte do traballo urxente de dar a coñecer na Galiza a situación real dun país en Revolución, alén dos tópicos construidos por medio da guerra mediática que os líderes venezuelanos levan tempo a denunciar, e que no Estado español atinxe uns níveis de intensidade e delirio dificilmente comparábeis.

Salón de actos de Moaña completamente cheo para escoitar ás conferenciantes.


Subscrebe a nosa axenda solidaria!