A caridade é humilhante porque se exercita verticalmente, desde a cima; a solidariedade é horizontal e implica respeito mútuo.
— Eduardo Galeano

domingo, 26 de xullo de 2015

Abonda xa de agresións turcas contra o Curdistán en loita contra o Daesh

Só uns días depois do masacre de Suruç, na noite do 25 para o 26 de xullo, coa escusa de atacar posicións do Daesh na Siria, Turquía decidiu bombardear as posicións das milicias curdas que operan na área norte do Iraque precisamente contra o Daesh. A acción de Turquía, que se produce do xeito máis reprobábel, con 400 bombardeos en apenas unha noite, mentres deixa o Daesh avanzar libremente en İncirlik, evidencia a hipocrisía absoluta con que se moven as forzas imperialistas da OTAN, empeñadas en producir, pola forza, unha reconfiguración nesa rexión que resulte funcional ás súas necesidades de rapina e control. O povo curdo, cuxa resistencia fronte ao totalitarismo do Daesh e, á vez, contra os intentos de aniquilación por parte — principalmente, mais non só — da Turquía, se está a converter en exemplo para o mundo, volve ser golpeado por quen di loitar ao seu carón.

O PKK, Partido dos Traballadores do Curdistán e principal suporte das milicias curdas (HPG - Forzas de Defensa do Povo) en toda a rexión, acusou Turquía de "agresión de guerra" e deu así por finalizada a tregua que mantiña precisamente co Estado turco desde 2012, que era en troca dunha democratización e duns avances nas relacións turco-curdas que nunca se verificaron. Ao contrario, nestes últimos bombardeos, resultou morto un dos combatentes curdos, Onder Aslan, e outras tres persoas resultaron feridas.

Novamente, esta acción demostra que o Curdistán xamais atopará no Estado turco un aliado, nen aínda en condicións onde, segundo Ankara asegura, partillan inimigo e a ameaza é inminente. Mais o Curdistán non está só. A solidariedade, exercida desde todos os recunchos do planeta, tanto por persoas a nivel individual como colectivamente en organizacións de solidariedade como Mar de Lumes, xoga un papel: espallar a realidade dun conflito onde o Daesh non é o que nos contan os grandes medios de comunicación, e onde o povo curdo loita por exercer o seu dereito a vivir libre e en paz.

Subscrebe a nosa axenda solidaria!