A caridade é humilhante porque se exercita verticalmente, desde a cima; a solidariedade é horizontal e implica respeito mútuo.
— Eduardo Galeano

sábado, 29 de agosto de 2015

Esta guerra é contra o Curdistán

No polvorín do mal chamado "Oriente Próximo" cada día tórnase máis difícil identificar axentes e obxectivos e tratar de entender o que acontece. Os medios de comunicación do sistema néganse a informar e céntranse en apenas contabilizar os episodios de matanza, os degolamentos e a miseria, criando máis confusión e, de pasada, un fastío xeralizado que afasta a ollada do mundo dese recanto do planeta. Desde ali chégannos, de súpeto, dous relatos falsos e deformados — o da guerra contra o Daesh e o do suposto terrorismo curdo — como se non tivesen nada a ver entre si, e como se, na realidade, non fosen as dúas caras da mesma moeda: a guerra das potencias imperialistas e dos seus aliados na zona por manter a Asia Sul-Occidental en conflito permanente (co obxecto de mellor rapinar os seus inmensos recursos enerxéticos) e, especificamente, por impedir a criazón dun poder curdo capaz, precisamente, de pór en perigo toda a operación de expropiación. Na realidade, o que na Asia Sul-Occidental está a ocorrer desde hai uns meses, é unha guerra-pinza entre, por unha parte, a OTAN e os seus aliados recoñecidos e non recoñecidos (Daesh) e, por outra, o povo curdo e mais unha serie de Estados, particularmente a Siria e o Irán, mais tamén o Líbano e o que queda do Iraque, opostos a esa reorganización da rexión planificada desde os despachos das oficinas de intereses estranxeiros dos Estados Unidos, da Unión Europea e dos seus socios no terreo. Esta guerra proxy ten adquirido agora, particularmente, a forma dunha guerra contra o Curdistán, intermitentemente ocultada ou feita pasar por un “problema interno” turco contra. Unha guerra contra quen, na realidade, leva meses a combater o xihadismo e a facelo retroceder.

Por este motivo, a situación do povo curdo está a gañar unha centralidade até agora descoñecida. Non é casual, senón que responde á evidencia de que, neste tempo, as milicias das YPG, das YPJ, do PKK e doutras forzas aliadas e afíns curdas téñense revelado inesperadamente como un dos poucos axentes (xunto con Hizbullah, Irán, Siria e o xiismo iraquiano) capaces de enfrontar decididamente o avanzo do Daesh.

Sen embargo, a loita do Curdistán non é só contra o Daesh. Nas últimas semanas, curdos e curdas sofren tamén ataques militares e policiais por parte da Turquía, cuxo goberno, presidido por Recep Tayyip Erdogan, decidiu romper o cesar-fogo co PKK e as conversas de paz que derivaban del e bombardear as posicións das milicias curdas en territorio formalmente sirio e iraquiano á vez que lanza, dentro das súas fronteiras, unha auténtica caza de bruxas, especialmente nas zonas de maioría curda. Un surto represivo que tampouco é casualidade.

Hai só unhas semanas, o HDP (Partido Democrático dos Povos) lograba nas eleccións estatais da Turquía máis de seis millóns de votos e 81 asentos no parlamento turco. Con aquel resultado, masivo nas zonas de maioría curda, deitaba por terra o intento de Erdogan de atinxir unha maioría absoluta que lle permitise estabelecer un sistema presidencialista que concentrase maior cota de poder, e á vez avanzar no proceso de "turquización" contra o que, precisamente, se teñen posicionado o povo curdo e outras minorías. Os grandes resultados do HDP terminaron mesmo bloqueado a formación do goberno, paralisando o executivo de Ankara e obrigando o aínda presidente en funcións Erdogan a convocar novas eleccións, de resultado absolutamente incerto. As necesidades do AKP (o partido do goberno) pasan agora por expulsar o HDP do parlamento turco a calquera custo, o que, sen dúbida, está por tras das detencións masivas de militantes e simpatizantes do PKK, do HDP e do Movemento Xuvenil Patriótico e Revolucionario (YDG); así como por tras dos asasinatos parapoliciais de simpatizantes da causa curda, e do estabelecemento dun clima de guerra civil, tal como denuncia Selahattin Demirtaş, o líder do HDP. O obxectivo non é outro que bloquear o crecente prestixio do considerado como brazo político legal na Turquía do ilegalizado PKK.

A xogada de Erdogan, tratando de ocultar estas prácticas filofascistas contra o povo curdo e ao mesmo tempo tentando camuflar os bombardeos sobre o PKK e as YPG/YPJ na Siria e no Iraque como se fosen o inicio dunha guerra contra o Daesh, co aplauso dos Estados Unidos e da Unión Europea, non se sostén por ningures. Despois de todo, o apoio de Turquía á fronte Al Nusra (o brazo sirio de Al Qaeda) desde 2011 co obxectivo de tombar o goberno de Bashar al Assad, a posterior integración de Al Nusra no Daesh e a continuación das relacións entre o Daesh e os servizos de intelixencia turcos, tal como foi revelado polo xornal turco Cumhuriyet, evidencian que, malia a confusión aparente, a mecánica subxacente permanece inalterada. Con efecto, os ataques lanzados sobre posicións do Daesh non poden compararse, nen en volume nen en intensidade (3 na primeira vaga), cos que trataban de aniquilar milicias curdas (300 na primeira vaga) precisamente mentres estas expulsaban os xihadistas da cidade de Sarrin, eliminaban practicamente toda a súa presenza en Hasaka e se sitúan ás portas de Raqqah, principal bastión do Daesh na Siria. As súas ameazas contra as forzas curdas en lugar de contra a Turquía (excepto as que serven para substanciar o relato dun Daesh contra o mundo) son tamén enormemente valiosas á hora de clarificar quen é inimigo de quen.

Mais, como estamos a dicir, os ataques ordenados por Erdogan contra as e os combatentes curdos no Iraque e na Siria teñen tamén unha leitura práctica a nível rexional, non só interno. Trataríase dunha operación con dous obxectivos fortemente relacionados entre si e co obxectivo interno. Por unha parte, impedir que as forzas curdas se fagan co control dunha franxa de 100 km. de longo por 40 km. de largo a norte de Aleppo, considerada "libre do Daesh" (sen estalo polo momento, por certo) e na que a Turquía pretende realoxar o continxente refuxiado sirio que tiña cruzado a fronteira polo avanzo xihadista contra o goberno de Al Assad, que contra todo pronóstico, continúa a resistir os ataques. Por outra, de impedir que así o PKK una por terra as zonas discontinuas que xa liberou e críe un corredor desde a fronteira do Iraque até o Mediterráneo co que reforzar a autonomía curda iraquiana (Bașûr) e desde o que controlar, ao mesmo tempo, todos os pasos fronteirizos do sul da Turquía, dando maior substantividade á autonomía curda dentro da fronteira siria (Rojava).

O apoio imperialista á Turquía, particularmente desde os Estados Unidos, non só responde ás obrigas específicas da OTAN, da que Turquía fai parte xunto con outros Estados que teñen sido acusados reiteradamente de financiar e dar apoio loxístico ao Daesh e, antes del, a Al Qaeda. Despois de todo, convén non perder de vista o feito de que os ataques contra o Curdistán para que de ningunha maneira fortaleza a súa posición rexional, fan parte dunha operación maior que visa reconfigurar a Asia Sul-occidental, eliminando calquera oposición ao deseño imperialista (Líbano, Siria, Irán, Iraque, e eventualmente un ou máis poderes curdos autónomos) e colocando gobernos-monicreques ou amigos.

Subscrebe a nosa axenda solidaria!