A caridade é humilhante porque se exercita verticalmente, desde a cima; a solidariedade é horizontal e implica respeito mútuo.
— Eduardo Galeano

martes, 29 de setembro de 2015

Contra a negación da realidade en Catalunya, solidariedade



As eleccións do día 27 de setembro en Cataluña deixaron un panorama clarificado a respeito do conflito nacional co Estado español. Unha paisaxe da nova Cataluña que podería resumirse en que aquelas candidaturas que apostaron declaradamente pola independencia (JxS e CUP) atinxiron a maioría absoluta de escanos no parlamento catalán; mentres que o resto se dividiu entre candidaturas cun discurso unionista e mesmo negacionista (C's, PSOE, PP) e outras que decidiron unha estratexia de non posicionamento ao respeito, e na que confluiu voto tanto independentista como non independentista (CSQP e Unió). 

Sen embargo, a lectura que están a facer os medios sistémicos e as institucións gobernamentais do Estado español e que responden a esa dinámica centrípeta e negacionista é ben outra. Contabilizan, por unha parte, os 11 escanos de CSQP no bloque unionista — aínda recoñecendo que no seu seo haxa voto independentista; e por outra, obvian o reparto de escanos nunhas eleccións no que o que se conta son, precisamente, escanos. A estratexia de asegurar que o "Si" á independencia ten menos de 50% do voto total colide, sen embargo, coa negativa sistemática a realizar un referendo — onde o que se conta é o número de votos, e non escanos — e cos recentes procesamentos do presidente en funcións de Catalunya e de dúas conselleiras pola consulta prohibida polo Estado o 9-N. A confusión deliberada dunhas eleccións de carácter plebiscitario cun plebiscito real e tanxíbel, revela, pola súa vez, as presas do unionismo español por cerrar un debate, porén, máis aberto que nunca e que ten ramificacións no resto de nacións sen Estado que España continúa sen recoñecer, entre elas Galiza. 

Desde Mar de Lumes - Comité Galego de Solidariedade Internacionalista queremos, en primeiro lugar, parabenizar o independentismo catalán pola súa consolidación como espazo político e pola súa vitoria nas eleccións autonómicas, o único modo de votación que o Estado español aínda non decidiu conculcar, malia as ameazas constantes da súa caverna mediática. En segundo lugar, queremos expresar a nosa vontade de continuar a explicar no noso país a situación do proceso independentista e de continuar a denunciar as prácticas antidemocráticas do Estado e a súa estratexia combinada de medo e forza. Por último, queremos tamén explicitar o noso apoio á folla de rota que as organizacións independentistas definan para Catalunya, e que en función do inmobilismo español, terá que terminar nunha Declaración Unilateral de Independencia. 

Visca Catalunya Lliure!

— Mar de Lumes

Subscrebe a nosa axenda solidaria!