A caridade é humilhante porque se exercita verticalmente, desde a cima; a solidariedade é horizontal e implica respeito mútuo.
— Eduardo Galeano

xoves, 29 de outubro de 2015

Galiza con Palestina, contra a barbarie, contra a ocupación

Na noite de hoxe, 29 de outubro, o comité compostelán de Mar de Lumes, xunto coa campaña BDS Galiza e a asociación Galiza por Palestina celebraron unha concentración pública contra a intoxicación mediática a respeito da situación da Palestina e contra a ocupación como orixe de todos os crimes cometidos contra este povo irmán. Na concentración deuse lectura ao manifesto de solidariedade, asinado polas tres organizacións, e escoitouse a voz palestiniana da man de Sami Ashour, da asociación galego-árabe Jenin, que asegurou que, ainda que Israel poida matar milleiros de persoas, non é capaz de matar o povo palestiniano. A continuación, reproducimos o manifesto:

CONTRA A MANIPULACIÓN MEDIÁTICA SOBRE A PALESTINA

Vivemos, outra vez, momentos de grande intoxicación mediática a respeito das novas sobre a Palestina. Os grandes corporacións da comunicación e en xeral aqueles medios que están ao servizo do imperialismo e desa mitoloxía racista que é o sionismo, espallan a idea de que as mozas e mozos da Cisxordania e de Xerusalén Leste entoleceron de súpeto e saen á rúa armados con coitelos para asasinar xudeus.

Estes medios, maioritarios en occidente, falan de Cisxordania e de Xerusalén Leste; falan de xudeus e musulmáns; pero non falan de Territorios Ocupados, nen de colonos, e todo para non falar da ocupación. A ocupación, porén, é a verdadeira orixe de todos os atropelos, abusos e crimes que a Palestina sofre cada día desde hai case sete décadas. Estes medios atópanse cómodos na redución simplista e maniquea, apresentando o conflito como unha cuestión puramente relixiosa, misturando o concepto de árabe co de musulmán e o de xudaísmo co de nación. Contribúen así, de xeito decisivo, á enorme confusión que, pola súa vez, axuda a disipar a solidariedade.

A insurrección violenta da mocidade palestiniana — e non só da mocidade — non ten nada a ver coa loucura nen co odio relixioso. Na Palestina viven persoas de todas as confesións relixiosas. Pola contra, é Israel o que discrimina por razón de crenzas e de razas, estabelecendo un estado teocrático e de apartheid que viola de maneira sistemática todos e cada un dos dereitos civís e humanos. A insurrección palestiniana ten a ver, pola contra, co deterioro continuado das condicións materiais de vida. Un deterioro que deriva da ocupación cada vez máis intensa e extensa do territorio palestiniano, da guetización dos bairros árabes, dos despexos forzados de familias inteiras, do roubo de terras, do bloqueo económico, da prohibición de facto (cando non directamente de iure) da maioría das actividades económicas e da libre circulación.


A continuidade no tempo destas situacións, e os continuos episodios de encarceramentos, execucións extraxudiciais e desaparicións, así como a constatación do fracaso absoluto dos acordos de Oslo (que prometían a resolución do conflito) urxen hoxe a poboación palestiniana a responder por todas as vías á ocupación. É a excepcional situación de opresión e represión a que, portanto, lexitima este povo a empregar todas as vías da resistencia, incluída a resistencia armada. Tamén se esta se realiza por medio de pedras, paus, coqueteis molotov ou coitelos.

As organizacións asinantes deste manifesto, (Mar de Lumes - Comité Galego de Solidariedade Internacionalista, a Campanha BDS Galiza e Galiza por Palestina) así como as innúmeras persoas de ben que na Galiza senten o chamado urxente do povo palestiniano, manifestamos o noso apoio sen condicións á causa da liberación total da Palestina, e unimos a nosa voz á maré de voces que por todo o planeta exixen xa, sen medias palabras, o fin da ocupación e dos seus crimes, o fin do Estado terrorista de Israel, a devolución dos Territorios Ocupados ao povo palestiniano e o regreso das persoas exiliadas e refuxiadas, desde 1948 até hoxe.

Viva a Palestina libre!
Palestina vencerá!

Subscrebe a nosa axenda solidaria!