A caridade é humilhante porque se exercita verticalmente, desde a cima; a solidariedade é horizontal e implica respeito mútuo.
— Eduardo Galeano

mércores, 14 de outubro de 2015

Os povos coa Venezuela: Integración latinoamericana. A hora dos povos

A continuación reproducimos, verquido para o noso idioma, o comunicado da campaña internacional "Os povos coa Venezuela", da que Mar de Lumes - Comité Galego de Solidariedade Internacionalista fai parte.
Tócanos a nós, compañeiros e compañeiras, ser os parteiros do novo tempo, os parteiros da nova historia, os parteiros da nova integración, os parteiros da ALBA, a Alternativa Bolivariana para as Américas, para os povos da América, unha verdadeira integración libertadora, para a liberdade, para a igualdade, para a xustiza e para a paz. Só nós, unidos, podemos facelo e, ademais, soterrar o capitalismo para parir o socialismo do século XXI, un novo proxecto histórico socialista.   
Discurso do Comandante Chávez na Contracimeira do Non á ALCA realizada no Mar da Prata, en 2005. 


Hugo Chávez apostou, desde a súa chegada ao goberno, pola integración latinoamericana e caribeña. Froito deste esforzo, a República Bolivariana de Venezuela tense convertido en vangarda da unidade no continente, a través da criazón de iniciativas de integración rexional como a Alianza Bolivariana para os Povos da nosa América—Tratado de Cooperación dos Povos (Alba-TCP), a Unión de Nacións Suramericanas (Unasur), o ingreso da Venezuela ao Mercado Común do Sul (Mercosur), e a Comunidade de Estados Latinoamericanos e Caribeños (Celac) — este último formado en Caracas en 2012.

Retomando o soño bolivariano da Patria Grande, estes novos mecanismos de integración baséanse en novas lóxicas como a solidariedade, a cooperación, a equidade ou o respecto á soberanía e autodeterminación dos povos. Un camiño aberto cara á solución de problemas estruturais como a pobreza, o desemprego e a exclusión social, que enfermaban a toda a rexión.

A vitoria da Revolución Bolivariana fai dezasete anos puxo sobre a palestra a urxente necesidade de crear unha axenda alternativa conxunta para enfrontar a hexemonía imperial de EEUU sobre o noso continente. Sen dúbida, a derrota do proxecto neoliberal e imperialista do ALCA (Área de Libre Comercio para as Américas), formulado por EEUU na I Cimeira das Américas, realizada en Miami en 1994, constituiu unha vitoria para os povos que se uniron pola defensa da súa soberanía contra un tratado que desencadease o aumento da pobreza, o saqueo das nosas fontes de riqueza e a profundización das desigualdades. Mentres se enardecían as loitas contra o ALCA, desde Cuba e Venezuela partiu a iniciativa solidaria da creación da ALBA, como espazo de integración e complementariedade para o desenvolvemento humano e social, ademais de político e económico, priorizando a educación, a saúde, as loitas ambientais e o combate contra o analfabetismo, a fame e a exclusión social. O 14 de decembro de 2004, os presidentes Hugo Chávez e Fidel Castro asinaron a primeira declaración conxunta na Habana, á que se han ir sumando outros gobernos progresistas da rexión como Bolivia, Nicaragua, a Mancomunidade de Dominica, Antigua e Barbuda, Ecuador, San Vicente e As Granadinas, Santa Lucía, San Cristóbal e Neves e Selecta.

No ano 2008, mentres se desataba a forte crise económica en EEUU que atinxiría case todo o mundo capitalista, en todos os países de ALBA e Petrocaribe produciuse un crecemento do 25% do Produto Interno Bruto (PIB), que permitiu manter e incrementar os seus índices de desenvolvemento humano. En materia educativa, máis de 5 millóns de persoas foron alfabetizadas; Cuba, Venezuela, Bolivia e Nicaragua foron declaradas libres de analfabetismo, e máis do 90% das nenas e nenos están escolarizadas/os. No que respecta á saúde pública, máis de 7,5 millóns de persoas foron atendidas gratuitamente e lévanse graduado máis de 21.000 médicas/os comunitarias/os integrais.

A política internacional da Revolución Bolivariana, baseada na solidariedade e a complementariedade, foi apoiada polos líderes progresistas e os povos da rexión, e continuada polo actual presidente da República Bolivariana, Nicolás Maduro, quen participou como chanceler de Venezuela, xunto ao Comandante Chávez, durante estes anos de creación de acordos, convenios e organismos internacionais para integración dos povos.

Neste outubro, mes que lembra a invasión e o saqueo sufrido polos povos orixinarios que habitaban o continente precolombino, mes transformado polas nosas revolucións en Resistencia Indíxena, a campaña "Os povos coa Venezuela" quere lembrar o carácter integrador e solidario que tivo desde o seu nacemento a Revolución Bolivariana.

Organismos como a Unasur, Petrocaribe, a Alba ou a Celac son exemplos do profundo proceso transformador que viviron durante estes anos Latinoamérica e o Caribe. O Comandante Chávez, e o seu chanceler e actual presidente Nicolás Maduro, lideraron eses esforzos colectivos, xunto a Evo Morais, Rafael Correa, Fidel Castro e outras e outros líderes rexionais, promovendo e abrazando a unidade dos povos. Todos comprenderon que a integración non era só un método de vinculación comercial, senón un proceso cultural e social que pasa pola concreción dunha identidade común latinoamericana.


Para adesións e máis información:
- Correo: LosPueblosConVenezuela@gmail.com
- Facebook: Los Pueblos con Venezuela
- Twitter: @PueblosConVzla

Subscrebe a nosa axenda solidaria!