A caridade é humilhante porque se exercita verticalmente, desde a cima; a solidariedade é horizontal e implica respeito mútuo.
— Eduardo Galeano

Pobos: Escocia

Escocia ten sido un Estado independente até o século XVIII. Os diferentes conflitos territoriais con Inglaterra e as guerras de independencia que se libraron nos séculos XIII e XIV puxeron en mans inglesas diversas áreas escocesas. Porén, xa antes diso, a influencia inglesa sobre os territorios escoceses é evidente en elementos como a progresiva anglización da lingua escocesa ou como o retroceso do gaélico escocés. En 1603, o rei Jacob VI de Escocia foi nomeado rei de Inglaterra, mais mesmo baixo a mesma coroa, os dous países mantiveron parlamentos separados. O conflito deixou entón de ser territorial para se transformar en económico, co sometemento de Escocia aos intereses da Inglaterra. Un século máis tarde, os propios parlamentos foron disoltos pola coñecida como Union Act (1707) que establecía un único parlamento para a Gran Bretaña, e que ao mesmo tempo eliminaba calquera independencia ou autonomía escocesa.

A identidade nacional escocesa, porén, continuou ben viva e no século XIX apareceu un movemento xa organizado favorábel ao autogoberno coa demanda de criazón dunha Asemblea Nacional Escocesa, que foi apresentada en 1853. Aquelas demandas radicalizáronse nos primeiros anos do século XX, sempre coa negativa do poder británico, invocando outras prioridades (I Guerra Mundial). En 1921 é constituída a Liga Nacional Escocesa por parte dun grupo escocés estabelecido en Londres e moi influenciado polo Sinn Féin irlandés. A rápida incorporación doutros sectores levou á constitución do Partido Nacional de Escocia en 1926 e, en 1934, o actual Partido Nacional Escocés (SNP), que canalizou as exixencias independentistas. En 1970, a descuberta de petróleo no Mar do Norte eliminou o debate sobre a viabilidade económica dunha Escocia independente, que se tornou evidente, e o argumentario independentista incorporou tamén teses como o agravio comparativo producido pola distribución dos beneficios do petróleo segundo os intereses de Londres.

En 1974, o SNP obtivo o seu mellor resultado, con 11 deputados que permitiron lanzar propostas de devolución de competencias ao goberno británico en minoría formado por laboristas e liberais. A maioría dos deputados ingleses destes partidos, porén, rexeitou calquera mudanza, e o goberno británico propuxo un referendo para constituir unha Asemblea Escocesa semi-autónoma, similar ás actuais comunidades autonómas no Estado español. O referendo non atinxiu o 40% necesario favorábel a aquela solución. En 1979, a chegada ao poder de Margaret Thatcher, declarada inimiga da independencia escocesa, paralisou case completamente a vía institucional do nacionalismo escocés, que enveredou polo traballo social. A denominada Campaña por unha Asemblea Escocesa terminou desembocando, en 1989, na Convención Constitucional Escocesa, favorábel á devolución de competencias para Escocia, mais non á independencia.

A vitoria dos laboristas no parlamento británico en 1997 facilitou a criazón dun Parlamento escocés nese mesmo ano, aprovado por referendo co voto favorábel de 75% do censo. Aquel parlamento tería competencias sobre as “políticas rexionais”, mais continuaría sometido aos intereses do Estado. O independentismo, vía SNP, tornouse primeiro partido da oposición e, en 2007, no primeiro partido en porcentaxe de voto. A partir de aí, dirixido por Alex Salmond, xa nomeado primeiro ministro de Escocia, o SNP atinxiu a maioría absoluta en 2011, o que permitiu lanzar a actual campaña pola independencia, cuxo acto principal debe ser o referendo do vindeiro 18 de setembro. Nel, o pobo escocés deberá escoller entre se constituír nun Estado independente ou continuar a facer parte do Reino Unido. En caso dunha resposta afirmativa á independencia, esta será declarada en 24 de marzo de 2016.

Un dos motivos para a independencia de Escocia é a vontade de administrar os seus propios recursos naturais.


Linguas

Mesmo que os principais argumentos do independentismo escocés sexan hoxe de tipo económico, con grande importancia na reclamación dos rendimentos do petróleo, tamén existen elementos identitarios a ter presentes. O principal, sen dúbida, son as dúas linguas nacionais escocesas, o escocés (unha lingua xermánica da mesma familia que o inglés ou o frisón, que fai parte do grupo do xermánico insular e cuxa área corresponde coas rexións do sur de Escocia) e o gaélico escocés (a lingua céltica falada nas Highlands e nas illas occidentais escocesas).

A irrupción do inglés como lingua de uso culto ao mesmo tempo que o poder político é transferido para Inglaterra, e o consecuente declinio das línguas nacionais escocesas non difire substancialmente do que en Galiza temos sofrido a respeito do conflito linguístico entre o galego e o español. Por exemplo, no século XVIII, a maioría das persoas alfabetizadas (en inglés) consideraban o escocés como apenas un dialecto do inglés, “provinciano e pouco refinado”, e o gaélico escocés continuaba un acentuado retroceso pasando de 22,9% a mediados do s. XVIII a 6% en 1881.

Mesmo no plano legal, a discriminación das linguas nacionais escocesas é evidente: o gaélico escocés só foi recoñecido como lingua oficial en 2005, por medio da Gaelic Language Act aprovada polo Parlamento escocés, mentres que o escocés, aínda hoxe considerado como un dialecto por 64% dos escoceses (sondeo de 2010), carece de calquera estatus de oficialidade e mesmo dunha gramática e unha ortografía unificada. O resultado é que até 2005 non existiu practicamente ensino regrado noutra lingua que non teña sido o inglés, e que hoxe, unha década máis tarde da aprovación do estatus de oficialidade do gaélico escocés, apenas existan unhas poucas escolas onde se escolarice parcialmente nesa lingua.